O mago Martín Camiña sube ao escenario os seus “Momentos de Asombro”

O mago Martín Camiña xunto con Fani Triana leva ao escenario o espectáculo “Momentos de Asombro” que estará este sábado día 3 de maio ás 19 horas no Teatro Principal de Compostela. O ilusionista promete momentos “fabulosos, fascinantes e fantásticos”. 

.
photo_camera .

Manipulación de cartas, cordas, mentalismo, números con vasoiras... a ilusión e a sorpresa son os efectos especiais dos “Momentos de Asombro”, o novo espectáculo do mago Martín Camiña que chega a Compostela este sábado. Humor, música e maxia subirán a escena nun encontro do que o público non queda alleo. 

O mago participará tamén na novena edición da Semana do Libro e da Lectura de Carballo, que terá lugar do día 5 ao 9 de maio, como protagonista de tres obradoiros e o espectáculo “Feitizo”. Martín Camiña é un dos  magos máis destacados do novo ilusionismo galego  e ten en xira, ademais de “Momentos de Asombro” e “Feitizo”, os espectáculos “Corcheas, semifusas e ilusións”, maxia con música ao vivo, “Feitizo” tamén para teatros, ou “Encantamento”, maxia de preto, son algúns dos espectáculos que Camiña ten en xira, alén doutras propostas que se adaptan a distintos formatos e deseños. 

Desde os catorce anos Martín Camiña comezou con pequenos trucos  e comezou a buscar resposta ás preguntas que lle provocaban a actuación dos grandes magos ate que o mundo do ilusionismo se converteu na súa profesión e na súa paixón. Ao seu ver,  as principais calidades para se dedicar á maxia son “en primeiro lugar a paixón. Ter ansia de aprender e estar ao día, como en calquera outra actividade. Compre tamén ter moita paciencia porque moitos dos efectos levan meses de ensaios. Paciencia, capacidade de comunicación e paixón, ese é o segredo”. 

O n. 94 do Semanario Sermos Galiza inclúe unha entrevista con Martín Camiña. 

Máis en CULTURA
Comentarios