A escolma do papel

"Os meus cadriños recollen a idiosincrasia dos galegos"

Luis Davila, 'O Bicheiro'.

O Bicheiro
photo_camera O Bicheiro

Luis Davila é O Bichero. Nos últimos anos o seu humor trascendeu das páxinas dun diario local ás redes sociais e de aí a todos os recunchos do país. Davila acaba de editar un libro onde recompila boa parte dos seus deseños e está a percorrer os teatros galegos da man de Carlos Blanco e dunha das súas personaxes máis coñecidas, Dora Desbrosadora, co espectáculo 'Menú do día!', co que, din, queren pór "un sorriso" entre tanta crise.

- Os teus cadriños son moi coñecidos, tes mesmo un grupo de fans en Facebook con máis de 22.000 seguidores. Cal é o segredo do humor do Bichero?

- Bon, coido que é reflectir nos cadriños o cotián. Gosto cando viaxo de me fixar nos detalles, as maneiras de falar e a forma de ser. Os meus cadriños recollen a idiosincrasia dos galegos.

- Boa parte das túas viñetas focan a ollada no rural ou no mar, que teñen estes espazos?

- Aí está a autenticidade do que somos. Parto deses ambientes e espazos para desenvolver o meu humor.

- Vés de compilar máis de 200 tiras nun libro, 'Menú do día', a situación actual dá boa materia prima @s humoristas para desenvolverdes o voso traballo?

- A verdade é que un labor importante dos humoristas é opinar. Aínda que dentro dos meus cadriños hai moita crítica social a respeito do que somos, tamén gosto de denunciar situacións que vexo inxustas. Nestes momentos, nos que choven problemas por todos os lados, se co meu traballo consigo arrincar un sorriso e facer reflexionar doume por satisfeito.

- A actualidade tamén centra a obra que estás a presentar por todo o país xunto con Carlos Blanco e Dora Desbrosadora. Como xurdiu a idea?

- Carlos chamoume un día á casa. Seguía o meu traballo polas redes sociais e convidoume a xantar en Pontevedra. Na conversa xurdiu a idea de comezarmos a colaborar dalgunha maneira. Os dous partillamos unha mesma idea sobre as cousas e sobre o país. Así xurdiu a idea. Fomos ao longo de 2013 dándolle forma e nos últimos meses ensaiamos moito para axustarmos os tempos de contar e debuxar.

- Como está a ser a experiencia pois mesmo trocades os papeis nun intre da obra, non si?

- [Ri]. Carlos púxome a proba. Cada certo tempo íame dando ideas de cal quería que fose o meu papel no espectáculo. Para alén de debuxar foi propóndome reptos que fun asumindo con moi bo humor. [Ri]. Un deles foi o de trocar os papeis. Mentres el debuxa eu explico como afronto o día a día coa tira metendo uns gags improvisados. Ao comezo pensei 'a ver como o fago', mais agora estou gozando no escenario. Parte dos reptos que me puxo foi tamén o de saírmos os dous co kilt escocés e mesmo bailar e cantar. Divírtome moito ao seu lado e coido que o público tamén.

- Resúltache máis doado, imaxino, sintetizar unha idea cun dos teus cadriños que co monólogo...

[Ri]. Si, debuxando é como mellor me expreso. O monólogo é outro campo no que hai auténticos cracks, entre eles Carlos Blanco. Eu estou moito máis solto cando debuxo.

- Como te fixeches humorista gráfico?

- Sempre gostei do debuxo. Desde neno. Entretíñame montando as miñas propias películas cun rotulador. Continuei debuxando ao longo da miña vida, nunca deixei de facelo. Até que vin a posibilidade de dedicarme a isto. Comecei a traballar no Faro como deseñador e maquetador. Eles viron que o debuxo me gustaba e a eles o que eu facía. Un día propuxéronme, cando arrincou a delegación no Morrazo, facer unha tira diaria para a sección local. Aos poucos foron dándome máis espazos no xornal. Isto foi no 98.

- Contas cunha exposición na que podemos coñecer unha outra faciana túa, Entre Liñas é máis de Luís Davila que do Bichero?

- [Ri]. A pintura é unha forma de expresión coa que tento relaxar a cabeza un pouco despois de tanta actualidade e sacarlle punta ao día ao día. Fago unha pintura vitalista, colorista... que reflicte a miña visión da vida. Coido que a miña pintura transmite iso, positividade e bo ánimo.

Esta entrevista foi publicada no semanario nº92 do Sermos Galiza (10 de abril de 2014)

Comentarios