Morre o cantor de intervención uruguaio Daniel Viglietti

Un dos últimos representantes da xeración orixinal de cantores de intervención latinoamericanos, o uruguaio Daniel Alberto Viglietti Indart, morreu onte en Montevideo. Tiña 78 anos. Unha vintena de elepés conservarán a súa voz, que cantou en todo tempo e lugar a prol das explotadas e os condenados e que se fixo particularmente célebre con dúas obras elaboradas co poeta Mario Benedetti.
 

Daniel Viglietti en 1973
photo_camera Daniel Viglietti en 1973. Foto: cedida

Como Violeta Parra, Atahualpa Yupanqui, Víctor Jara ou José Afonso, mitos da canción antiimperialista, Viglietti comezou interesándose polo folclore. Era a primeira metade dos anos sesenta. Recuperar as tradicións populares desprezadas polas clases dominantes conformaba a estratexia emancipadora compartida por estes músicos.

Coa radicalización das loitas e o avance dos movementos sociais, a súa lírica foi acompasándose aos tempos. A esa etapa pertencen discos como Canciones para el hombre nuevo (1968), Canciones para mi América (1968) ou Canto libre (1970) en que, a maiores dunha poética propia, bota man de textos de César Vallejo, Lorca ou Rafael Alberti. A desalambrar, incluída no primeiro dos traballos do 68, fíxose popular grazas á intepretación de Víctor Jara.

En 1973, un golpe de Estado militar obrigouno a exiliarse. Dez anos de silencio discográfico contrastan co seu activismo antiditadura: recitais, concertos, conferencias. Caída a xunta militar uruguaia regresou ao seu país e, daquela, edita os dous volumes de A dos voces, as gravacións realizadas con Benedetti, compañeiro político e de exilio.

Nos últimos anos dedicou boa parte dos seus esforzos á busca, conservación e difusión, vía medios de comunicación audiovisual, do folclore latinoamericano. Morreu tres días despois do seu último concerto, a pasada sexta feira en Piriápolis (Uruguai).

Máis en CULTURA
Comentarios