Aínda que bastante desaparecido da esfera pública nos últimos, foi un dos cantores da música popular máis influintes da década dos 80 e unha icona pop para varias xeracións de xente nova. Cantor, autor, multiinstrumentista e performer, deixou varios temas para a historia, como Kiss, Little Red Corvette, Purple Rain ou When Doves Cry.
Prince Rogers Nelson, que así se chamaba, morreu en circunstancias que aínda se descoñecen, pero cancelara a comezos deste mes algúns concertos. A semana pasada tamén estivo hospitalizado algúns días.
Nado en Minneapolis en 1958, comezou no mundo da música a finais dos 70 pero non triunfa até os 80 cunha das cancións máis coñecidas da historia, 'Purple rain', que editou en 1984 e que o levou tamén ao cinema, acadando un Oscar á mellor banda sonora orixinal ao ano seguinte. Editou 39 álbums ao longo da súa vida, dous deles en 2015 (HITNRUN Phase One e Two). Acadou sete Grammys.
En 1990 na Coruña
Só estivo en Galiza nunha ocasión (poden ver un anaco do concerto no arquivo web da TVG). Foi o 29 de xullo de 1990 nun auditorio do máis sorprendente: o campo de fútbol do colexio Santa María del Mar dos xesuítas da Coruña, por mor das malas relacións entre o Concello e o Deportivo. Aquel día, Galiza dividiuse en dous: os que ían (ou quererían) ver a Prince, e os que foron ver a Madonna, que estaba exactamente a mesma noite en Vigo, con camisola do Celta e bandeira local incluída.