O iraniano Asghar Farhadi gaña o premio ao mellor filme estranxeiro

Non hai cerimonia perfeita: un erro deu o Oscar a La La Land, mais a gañadora foi Moonlight

Sempre pasou a cerimonia dos Oscar por ser unha maquinaria tan sofisticada como perfeita, imitada ad nauseam en todas as latitudes. Mais a perfección absoluta non existe. Unha dupla mítica, Faye Dunaway e Warren Beatty, perpetrou un erro histórico, o de pronunciar como gañador da mellor película o nome dun filme que en realidade é o grande perdedor da gala.

OSCAR
photo_camera Momento en que Jimmy Kimmel mostra a papeleta co nome de Moonlight

Non nos enganemos: o Oscar por antonomasia, o Oscar verdadeiro, é o que distingue o mellor filme. Todos os demais (mellor dirección, actriz, actor, guión orixinal, etc) están moi ben, mais o que fica para a historia, o que te coloca arriba ou abaixo, é o de mellor filme. Por iso o erro de Faye Dunaway e Warren Beatty -Bonnie and Clyde redivivos- é un erro para a eternidade. Apañaron o sobre equivocado -o de mellor actriz- e leron apresadamente o nome do filme que non era. La La Land, dixo Dunaway. Euforia nas bancadas do filme de Chazelle (demostración, alén de máis, que non existen filtracións no premio e que ninguén sabía realmente quen gañara). Soben os produtores a recoller a estatuíña. Pronuncian emocionadas palabras. Mais...wait!! Hai un problema. Non é La La Land a gañadora. "It's not a joke", afirma desde o palco o condutor da gala, Jimmy Kimmel (demoledor o seu monólogo antiTrump que abriu a cerimonia). Non, non é unha brincadeira, di. O gañador é Moonlight. Estupefacción. Beatty, con tremor na face e na voz, apaña desta volta a papeleta adecuada e expona á luz das cámaras. Con efeito, o papel pon Moolight. La La Land sofre unha derrota en toda a regra. Fin da cuestión.

A realidade sempre supera a ficción. Nen o guionista máis vitriólico tería imaxinado un final así para a gala de maior impacto global do planeta. La La Land era o vencedor obvio, estaba en todas as apostas. Ameazaba o cetro de Titanic, Ben Hur e O señor dos Aneis como o filme máis laureado da historia. E finalmente ficou apenas con 6 estatuíñas, magro balanzo para expectativas tan altas. E nomeadamente ficou sen o premio maior, que acabou por distinguir unha obra de enorme radicalidade poética, a historia da adolescencia dun homosexual negro nos arrabaldos de Miami. Un filme feito con apenas 1,5 millóns de dólares, o segundo de menor orzamento da historia en gañar o maior premio da Academia de Hollywood.

Trump non só recebeu a labazada de Jimmy Kimmel. Tamén foi un lapote na súa face a escolla do mellor filme estranxeiro. The Salesman, dirixido polo iraniano Asghar Farhadi, que se impuxo á fita austriaca Toni Erdmann. O cineasta persa non compareceu na cerimonia, en sinal de protesto contra o veto xenófobo de Trump á entrada no país dos nacionais de sete países de maioría musulmá. Nun comunicado, Farhadi cualificou o decreto da Casa Branca -paralisado pola xustiza- como "inhumano".

Mellor dirección/mellor filme

A Academia voltou a escindir estes premios, un asunto sempre polémico e nunca inteiramente resolvido nen no seo da profisión nen no da cinefilia. En todo caso, Damien Chazelle, con 32 anos, tornouse no cineasta máis novo en receber o premio ao mellor director, polo seu grande traballo en La La Land, mais a súa obra sucumbiu perante o labor de Jenkins en Moonlight no torneo polo galardón maior.

Non houbo surpresas na pugna polo premio á mellor actriz. Gañouno Emma Stone. Perdeu Ryan Gosling, en troca, face a grande composición que do seu personaxe en Manchester by the sea fai Casey Affleck.

Comentarios