CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Nunca apagues a luz

Fotograma do filme Lights Out, Nunca Apagues la luz
photo_camera Fotograma do filme Lights Out, Nunca Apagues la luz

NUNCA APAGUES A LUZ

Lights Out

(EUA 2016, 81 min.)

Dirección: David F. Sandberg

Guión: Eric Heisserer e David F. Sandberg

Fotografía: Marc Spicer

Música: Benjamin Wallfisch

Elenco: Teresa Palmer, Maria Bello, Gabriel Bateman, Alexander DiPersia, Billy Burke, Andi Osho, Lotta Losten

SINOPSE

Rebecca retoma contacto coa súa depresiva nai cando recibe unha chamada do colexio comunicándolle que o seu irmán pequeno leva días quedando durmido en clase. Algo espantoso axexa na escuridade e non o deixa durmir.

CRÍTICA

Hai uns días saltaba unha nova moi curiosa: unha preocupada nai esixía nas redes sociais a retirada inmediata do anuncio de Nunca apagues a luz, cando menos que o quitaran de horario infantil. O motivo? Pois dicía que as súas fillas xa non podían durmir coa luz apagada e que tiñan medo de ir a calquera sitio ás escuras. Pero como carallo non se lle ocorrera antes á produtora unha campaña promocional tan boa? E é que a raíz desta nova moitos foron os afeccionados ao cinema de terror que puxeron o foco nun filme que tiña toda a pinta de pasar con máis pena que gloria polas pantallas, malia que de base contara co aval de James Wan (Saw, The Conjuring), o novo gurú do xénero. Nunca apagues a luz baséase nunha curta homónima realizada polo propio director (David F. Sandberg) en 2014 que, animado pola enorme repercusión que tivera en internet, decidiu utilizar a idea para dar o salto á longametraxe. Firma o alongado guión xunto a Eric Heisserer (Pesadelo en Elm Street: a orixe) e conta cun reparto no que destaca Maria Bello (Unha historia de violencia), Teresa Palmer (Memorias dun zombi adolescente) e o cativo Gabriel Bateman que xa aparecía en Annabelle (2014, John R. Leonetti), outro dos filmes de terror “marca James Wan”.

Tal e como se pode deducir do título, a cousa vai de escuridade: o medo máis primitivo do ser humano. Uns vimbios excelentes para calquera filme de xénero que se prece. Conta cun inicio prometedor que vai ao gran do asunto sen concesión mais, a medida que avanza a trama, as expectativas vanse reducindo a pasos axigantados. Sucesión tras sucesión de clixés que acaban nunha deriva de camiños trillados sustentados nunha trama onde está o típico espírito atormentado (moi ao estilo do j-horror), un escuro pasado e unha investigación para tratar de descubrir ese pasado, por riba vai ao fácil con recorrentes sustos musicais, é dicir, subida brutal da fanfarra no momento chave. Nada novo no horizonte. Se a isto engadimos que dentro da regra básica de “non apagar a luz” (básica de todo) hai uns erros imperdoables de guión no que mellor non facerse moitas preguntas do tipo “por qué seguen comportándose como se comportan sabendo o que saben”, pois apaga e ímonos, valga o oxímoron... Iso si, hai boa atmosfera, uns efectos visuais que apostan polo tradicional, o “monstro” móstrase pouco e por momentos inquieta... por momentos. Gustará a afeccionados do terror palomiteiro e de susto fácil. Pero, para que nos entendamos, o trailer está moito mellor montado. A sensación final é de que Nunca apagues a luz podería dar moito máis de si. Moito. E se non foron capaces quizais debería quedarse a cousa en curtametraxe, que esa si que dá verdadeiro calafrío. Se hai curiosidade por ver a curta atópase sen moito problema en internet ...mais eu non a vería antes de ir durmir.

Máis en CULTURA
Comentarios