Pedrón de Ouro para Carlos García Martínez

O que foi durante case vinte anos director do Museo do Pobo Galego, Carlos García Martínez, será distinguido co Pedrón de Ouro. A fundación que outorga o premio desde hai medio século sinala “o compromiso sen fisuras cos alicerces e o devir do pobo galego” de García Martínez, falecido o pasado marzo.
 

[Imaxe: Xurxo Lobato] Carlos García Martínez
photo_camera Carlos García Martínez. Foto: Xurxo Lobato.

“Formouse como arqueólogo, prehistoriador e antropólogo ao carón dos mestres Fermín Bouza Brey, Luís Monteagudo ou Antonio Fraguas”, relatan na argumentación do galardón. Nesa época, sinalan, realizou traballos sobre a arte rupestre galega e escavacións en necrópoles megalíticas galegas e baixo romanas.

“Unha das áreas de preocupación de García Martínez foi a defensa e expansión da cultura popular galega”, din, e lembran o seu papel impulsor no Museo do Pobo Galego, “o principal centro de antropoloxía e etnografía de Galiza.

Carlos García Martínez (Santiago de Compostela, 1945-2018) tamén publicou abondosos ensaios sobre prehistoria, antropoloxía, etnografía e divulgación cultural. O seu libro De alicerces e devocións: unha ollada arredor das orixes é a obra que salientan entre a súa produción bibliográfica desde o Pedrón de Ouro. Nela trataba de Bouza Brey, Florentino Cuevillas, Antonio Fraguas e a arte prehistórica.

O Pedrón de Ouro 2018 entregarase na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, o vindeiro domingo 20 de maio. Será ás 12.30 e no acto participarán María Xosé Fernández Cerviño como mantedora e o presidente da fundación que outorga as distincións, Xosé Ramón Fandiño. A maiores, haberá música da man do grupo tradicional Os Melidaos.

Máis en CULTURA
Comentarios