A poesía salvaxe regresa a Ferrol

A poesía salvaxe encherá rúas, prazas e espazos públicos de Ferrol dos días 24 ao 26 de abril. Por sétima edición, a poesía e música máis irreverente será a protagonista de “corenta e oito horas coa palabra encarnada nos dentes”. O Leo, Estevo Creus, Olalla Coriña ou María Lado e Lucía Aldao son algúns dos nomes do programa. 

María Lado e Lucía Aldao participarán nas xornadas.
photo_camera María Lado e Lucía Aldao participarán nas xornadas.

Recitais e concertos coa poesía e a música como protagonistas compoñen o programa que durante tres días e corenta e oito horas levarán a poesía máis salvaxe a Ferrol. O programa comezará no Ferrolvello, na praza cunha “proclamación da identidade poética”a quinta feria, 24 de abril ás 18 horas. “Todos e todas faremos coa palabra o lume que nos quente as mans de moldear a vida”, din na presentación deste encontro que ten no goce colectivo e participativo da poesía o seu cerne.  Até despois de media noite se prolongará o programa da primeira xornada que terá continuidade nunha sexta feira na que o aniversario da Revoluçao dos Cravos. A intervención de Lucía Aldao e María Lado, de Al Vidal e Eli Barrio, de Pedro Campos, de Estevo Creus ou o concerto de O´Leo serán algunhas das propostas da sexta feira, día grande que se prolongará até altas horas da madrugada cun recital colectivo con arredor de vinte participantes que comezará por volta de 1.30 horas. 

Desde a organización definen o evento como o encontro no que “a poesía ocupa o lugar natural, a rúa, a praza, alí onde se respira cada día, alí onde se talla e moldea, e con ela o mundo, a vida, os soños e a loita por un mundo mellor, máis xusto, onde a miseria da abundancia non teña cabida, onde os espellos ardan. E os reloxos sexan os que o corazón plaxia”. Agradecen a colaboración da asociación Fuco Buxán, a AAVV de Esteiro e a todas as asociacións culturais que fan posíbel “que se manteña vivo e creza este tecido de veas de oxíxeno que favorecen o sobrevivir cada día á mesquindade e mediocridade reinantes sobre todo nos estamentos que “administran as nosas cousas”, din, criticando ao tempo o “desprezo” que sofren por parte dos “estamentos oficiais”

Máis en CULTURA
Comentarios