A poeta Chus Pato, premio Irmandade do Libro á mellor autora do ano

A Irmandade do Libro decidiu premiar a Chus Pato na modalidade de autor ou autora do ano. Os galardóns que cada ano concede a Federación de Librarías de Galiza entregaranse o próximo 5 de abril. 

Chus Pato
photo_camera Chus Pato

A poeta Chus Pato é a creadora recoñecida co premio anual á mellor autora ou autor que cada ano concede a Federación de Librarías de Galiza. Polo de agora, é o único nome que se deu a coñecer xa que os dos gañadores das outras seis modalidades decidiranse na última reunión do xurado que terá lugar en Rianxo o próximo día 5 de abril, data na que tamén se entregarán os premios. 

A 23 edición dos recoñecementos da Federación de Librarías premia así unha poeta da que o xurado valora a súa traxectoria literaria, a súa voz persoal e a proxección internacional da súa obra. Chus Pato publicou en 2013 o seu novo libro Carne de Leviatán, un título que a autora explicaba como o peche do ciclo que iniciou con Urania (1991) e se concretou a partir de m-Talá (2000). Con dez libros publicados, a obra de Chus Pato constrúe unha traxectoria poética que responde a súa defensa da imposibilidade da poesía sen pensamento, unha afirmación que confirma en cada unha das novas propostas. A de Chus Pato é unha voz complexa mais, ao tempo, recibida con entusiasmo no panorama literario cada vez que publica un novo libro.

Máis en CULTURA
Comentarios