CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O Principiño

Na crítica de cinema das sextas feiras, o noso crítico de cabeceira, Andrés Castro, proponnos a adaptación á animación dun clásico absoluto da literatura universal.

principiño1

O PRINCIPIÑO

(Francia 2015, 108 min.)

Dirección: Mark Osborne

Guión: Irena Brignull e Bob Persichetti

Música: Richard Harvey, Joann Le Blanc e Hans Zimmer

SINOPSE

Unha nai muda de residencia coa súa filla a un luxoso barrio para que a admitan nunha prestixiosa Academia. Un vello e excéntrico veciño introduce á pequena a un extraordinario mundo, o mundo do Principiño.

CRÍTICA

Mark Osborne (Kung Fu Panda, Bob Esponxa) dirixe a adaptación animada da obra máis universal de Antoine de Saint-Exupery: O Principiño. Non se trata dunha adaptación ao uso que trate de ser exacta ao libro, tal e como fixera Stanley Donen en 1974, por contra estamos ante unha interpretación de estilo libre que si incorpora todas as pasaxes do clásico (o raposo, o año, o sombreiro, a serpe, a visita aos mini-planetas, a rosa, as estrelas, a mensaxe...) mais se achega dándolle unha volta a todo mesturando a trama cunha historia paralela que consegue darlle certa perspectiva, dar resposta, en certa forma, á pregunta coa que remata o libro e, incluso, chega a ser máis fiel ao espírito da obra orixinal do que nunca se acadou até o de agora. No filme temos, por unha banda, a unha nena de nai controladora que pasa o tempo estudando e facendo tarefas programadas para ser digna de poder entrar na prestixiosa Academia Werth e chegar ser unha muller de proveito cando sexa maior (ten graza o nome aínda que o de Werth vaia en liña coa dedicatoria inicial do libro). Mais non contan con teren de veciño a un vello aviador retirado que se fará amigo da rapaza e contaralle unha incrible historia que lle fará cambiar a orde das súas prioridades: a historia de como coñeceu no deserto ao Principiño, un neno que vive no asteroide B612.

Para as lembranzas do aviador e o Principiño usan técnicas tradicionais nun traballado stop-motion tratando que parezan sacados dos propios debuxos do autor

Para a parte da nena pequena e o aviador utilizan as técnicas máis avanzadas de animación 3D, abraia sobre todo a escena da chuvia, e para as lembranzas do aviador e o Principiño usan técnicas tradicionais nun traballado stop-motion tratando que parezan sacados dos propios debuxos do autor. Unha hábil decisión que encaixa como unha luva. Nas voces orixinais (que hai algún cinema que a emite en versión orixinal) conta con Jeff Bridges, Marion Cotillard, Rachel McAdams, James Franco, Benicio del Toro ou Riley Osborne, o propio fillo do director. Nada que obxectar ao conxunto e pouco máis que engadir a esta emotiva achega animada que logra transmitir todo o halo de fantasía, imaxinación, aventura, retranca e poesía coa que Saint-Exupery impregnou a súa obra mestra. Recomendábel tanto para cativos como para maiores, sobre todo maiores que non lembran xa que antes foron nenos: “crecer non é o problema, o problema é esquecer”. E falando de lembrar... Lembro cando tiven a sorte de me achegar ao Principiño por primeira vez. Fora no colexio cando apenas tiña 11 anos grazas a unha profesora con bo gusto e a través dunha extraordinaria edición traducida ao galego por Carlos Casares que aínda conservo e reviso de cando en vez. Daquela houbo cousas que se me escapaban, mais lembro que me deixou fascinado en varios pasaxes que lía e relía tratando de lle atopar sentido xunto cos debuxos. Tivo que ser nunha segunda lectura, perto xa da maioría de idade, cando comecei a captar toda a profundidade que levaba implícita. E vostedes? Lembran cando leron por primeira vez “O Principiño”? Se xa o fixeron, esta adaptación cinematográfica non lles vai defraudar en absoluto, ao contrario... Senón, estarán desexando facerse cun exemplar tras os títulos de crédito. Iso si, se deciden vela, mellor teñan un pano ao carón por se lles “entra repentinamente algo nos ollos”.

Máis en CULTURA
Comentarios