Proxecto Gaelaico: investigar as relacións entre as linguas e a cultura dos pobos atlánticos

A Coruña acolleu a presentación dunha iniciativa que parte ''dun grupo internacional de investigación con base en Galiza''. Queren profundizar nas relacións históricas e na ''identidade común'' entre países como Eire, Escocia e Galiza.

@Copecoruña
photo_camera @Copecoruña

O proxecto Gaelaico ten a súa orixe en dúas palabras: Gaélico e Galaico. O que xa é toda unha declaración de principios deste proxecto privado “e independente” que quer profundizar nas relacións entre os pobos atlánticos, nomeadamente Galiza, Eire e Escocia. Na súa web, os responsábeis da iniciativa explican o que pretenden: “O que pretendemos deixar claro co noso traballo é que antano, en épocas non tan remotas como chegamos a crer, existiu unha clara relación entre Irlanda, Escocia, a Illa de Man e Galiza. Foi unha relación tan clara, que cremos que compartiron cultura e lingua ó longo de moitos séculos. Dito doutro xeito, compartiron unha identidade común. Esa identidade compartida queda patente mesmo nos nomes das súas linguas actuais”.

“Unicamente pretendemos aportar datos que esperamos sexan válidos e valiosos para disciplinas tales como a lingüística ou a historia”, afirman.

Anuncian que non solicitan ningún tipo de financiamento público ''para non perder a independencia que consideramos fundamental para desenvolver unha labor de investigación desta índole''.

O Proxecto Gaelaico é, informan as persoas que participan nel, o froito de varios anos de traballo por parte dun grupo internacional de investigación con base en Galiza, formado por diversos estudosos e académicos cuxos campos de especialidade son a lingüística, a antropoloxía, a historia “e diversas disciplinas relacionadas coa nosa investigación”.

'A peza que faltaba'

“Desde unha base lingüística sólida, o Proxecto Gaelaico pretende difundir datos esenciais para unha mellor comprensión da historia dos pobos que desde hai milenios viven na Europa Atlántica. Estes datos revelan unha relación tan evidente entre as linguas gaélicas e a lingua galega, entre Irlanda, Escocia eGalicia, que resulta sorprendente que non se vise reflectida na historia que todos coñecemos.Deixemos que falen as linguas”.

Máis en CULTURA
Comentarios