A RAG fai pública a súa colección de pergameos

A Academia Galega prosegue coa súa política de abrir os tesouros que agora. Desta volta, a conto do Día Internacional dos Arquivos, libera na Galiciana a súa colección de pergameos.

Pergameo galego 1259
photo_camera O máis antigo escrito en galego en posesión da RAG (1259)

O Arquivo da Real Academia Galega  acaba de completar unha importante incorporación aos seus fondos dixitalizados dispoñibles na Rede. A colección de pergameos da institución, 285 escritos do século XII ao XVIII, inclúe bulas, privilexios reais, foros, doazóns, contratos de compravenda, sentenzas xudiciais e outros manuscritos, de orixe pública e privada, agora dispoñibles para todo o público no Arquivo Dixital de Galicia. A RAG celebra así o Día Internacional dos Arquivos e propón unha viaxe á Idade Media, guiada polos académicos Pegerto Saavedra e Henrique Monteagudo, a través de dous destes pergameos destacados: o máis antigo da RAG e o máis vello dos escritos en galego da institución.

Composta por escritos en latín, galego ou castelán, parte dos pergameos que a RAG Galega fai públicos pertencen a diferentes fondos persoais. Outros son pezas separadas dos seus fondos orixinais que conforman unha colección facticia de orixe descoñecida.

O pergameo máis antigo da RAG, redactado en latín e datado en 1117, é un privilexio de Afonso VII ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro (situado nas Fragas do Eume) no que define o seu couto xurisdicional. Tamén ten a súa orixe neste mosteiro un escrito en galego de 1259, o máis antigo nesta lingua de todos os datados da colección. Relativo a unha venda de eguas, é un bo exemplo da época na que o galego aínda se estaba a introducir na linguaxe notarial. Ambos os escritos pertencen á colección facticia da RAG aínda que varios historiadores os sitúan no Fondo Murguía.
 
 

Mosteiros, mitras e cabidos


O historiador Pegerto Saavedra explica a finalidade que tiñan documentos coma estes na súa orixe e a importancia que adquiriron hoxe en día. “Dicía o grande historiador francés Marc Bloch que os campos sen señor son campos sen historia. Para fortuna dos historiadores de Galicia (pero non tanto para  a dos labregos e veciños de moitas vilas que viviron sometidos ao poder señorial), a nosa terra tivo desde a Alta Idade Media moitos señores, principalmente institucións eclesiásticas e tamén estirpes da nobreza. As investigacións sobre os séculos VIII-XV están baseadas sobre todo en documentación procedente de mosteiros, mitras e cabidos e, de modo secundario, de casas da aristocracia. Os arquivos desas institucións e familias tiñan no entón unha clara finalidade práctica: constituían as armas coas que os seus donos acreditaban e defendían uns patrimonios formados por terras, décimos e outros privilexios variados, desde monopolios de pesca e caza até facultades de tipo político. Non resulta raro, polo tanto, que eclesiásticos e nobres fabricasen abundantes documentos falsos para legalizar a posteriori, como doazón de benefactores, desde reis a particulares, o que antes tomaran pola forza”, contextualiza.

Séculos despois, a documentación señorial como a conservada na RAG non só permite coñecer a historia da institución á que pertenceu, tamén fai posible reconstruír como era a economía e a sociedade da comarca á que se refire. “As mencións á clase de gando, aos diversos cereais, aos modos de cultivo, aos frutais, ás construcións para o almacenamento… son de grande interese”, salienta. Estes escritos históricos son ademais unha fonte esencial para a investigación filolóxica, para estudar desde a aparición dun idioma na escrita ata a toponimia e a onomástica.

A introdución do galego nos documentos notariais

O 10 de maio de 1259 Sancho Fernández e a súa dona, Maior Fernández, asinaban unha venda de eguas ao mosteiro de Caaveiro. O documento que a recolle é, de todos os pergameos datados da RAG, o máis antigo escrito en galego, nun momento en que a nosa lingua aínda empezaba a consolidarse neste tipo de textos. “Aínda que se conservan uns poucos documentos notariais redactados en galego desde a década de 1230-1240, ata 1250 a lingua que se utilizaba nestes textos era o latín, como na xeneralidade dos escritos, con excepción das cantigas trobadorescas. A partir do ascenso ao trono do rei Afonso X O Sabio (1252) comeza a usarse cada vez máis o galego, pero antes de 1260 os documentos nesta lingua aínda son escasos”, explica o académico Henrique Monteagudo.

Un factor fundamental no impulso ao uso do galego no ámbito notarial e xudicial foi a reforma do notariado, coa designación de notarios del Rei, asignados a xurisdicións territoriais concretas (vilas ou terras), prosegue. Precisamente, neste documento cítase o rei Afonso X na fórmula de datación, e subscríbeo o notario del Rei nas terras de Trasancos e Bezoucos, Pedro Rodriguez. “A carreira deste notario, polo que sabemos del, é significativa”, salienta o secretario da RAG: en 1250 e 1253 subscribe cadansúa carta do mosteiro de San Salvador de Pedroso (na terra de Trasancos), feita en latín; no tombo de San Xoán de Caaveiro recóllese unha carta del, como notario público del Rei, dado en Trasancos e Bezoucos, feita en 1252, e, xa en 1257, subscribe un documento en galego do mosteiro de Pedroso e en 1259 outros tres, tamén en galego, do de Caaveiro.


Henrique Monteagudo chama tamén a atención sobre as persoas nomeadas no documento. Maior Fernández é mencionada como filla de Fernán Pérez de Andrade, devanceiro do nobre do mesmo nome que se faría célebre nos últimos decenios do século XIV. Cítase tamén, na fórmula de datación, a Rodrigo Gómez de Trastámara, “ricome de Galiza”, o aristócrata máis sobranceiro da Galicia de mediados do século XIII, derradeiro representante da célebre liñaxe de Traba - Trastámara.

Documentos son de orixe eclesiástica

Ao igual que estes dous documentos destacados, a maior parte dos pergameos que custodia a RAG, máis de 200, teñen a súa orixe en institucións eclesiásticas. Oitenta e un proceden do mosteiro de Santa María de Monfero; 74, de Santa María de Sobrado dos Monxes; e 14, de San Xoán de Caaveiro.

A dispersión dos arquivos dos mosteiros é consecuencia dos avatares acontecidos desde a desamortización. Boa parte dos fondos eclesiásticos foron nacionalizados en 1835, o que supuxo que perdesen a finalidade e organización orixinarias para quedaren convertidos en patrimonio. “A miúdo foron parar a depósitos diversos, cando non remataron en mans de particulares ou destruídos”, comenta Pegerto Saavedra. O Arquivo Histórico Nacional de Madrid garda hoxe moita documentación de mosteiros, conventos e igrexas de Galicia, pero outra parte está en arquivos galegos como o da RAG.