Récord de filmes inscritos no Festival de Cans

252 pezas pasarán polas pantallas do mías popular dos festivais cinematográficos que se celebran en Galiza: o de Cans, na parroquia do mesmo nome do Concello do Porriño. Superan así as 235 da pasada edición e as 215 de 2016.
 

CANS
photo_camera Imaxe do Festival de Cans, no Porriño.

O certame, especializado en curtametraxes, recibiu obras de ficción -68-, de non ficción -43-, de animación -15- e mais 105 videoclips. “Estes datos constatan que estamos nun prolífico momento da creación audiovisual galega”, sinalan desde a organización, “e que edición tras edición, o festival dá pasos adiante”.

Amais de moita produción galega, os traballos remitidos a Cans proceden do Estado español, Portugal, Inglaterra, Estados Unidos, Italia ou Hungría.

O Festival de Cans atinxirá a súa décimo sexta edición. Será entre o 23 e o 26 de maio e estreará unha nova categoría competitiva, Furacáns, dedicada á non ficción. A maiores, consolidará o concurso de videoclips, “a categoría que máis medrou respecto a 2017”.

“O festival traballa agora contrarreloxo tratando de buscar patrocinadores privados que poidan facer achegas para tratar de completar o orzamento”, engaden desde a organización, que vén de poñer en marcha ao respecto a iniciativa Apadriña un jalpón -moitas das proxeccións son en galpóns repartidos pola aldea.

Máis en CULTURA
Comentarios