#Sermos246: Villar Mir, do espolio á chantaxe

Máis un número na nosa loxa. Adentrámonos nos negocios e intereses de Villar Mir na Galiza, debatemos sobre viabilidade de pensións con Antolín Alcántara e Miguel Bastos, entrevistamos Marta Dacosta, lembramos a nosa festa de V Aniversario ou contamos o regreso do tesouro de Martín Codax. Todo isto, e máis, xa neste semanario, xa na nosa loxa.

O empresario madrileño Villar Mir, entre as principais fortunas do mundo e dono do maior grupo empresarial do Estado español, ten no noso país numerosos intereses económicos, que van desde o sector das infraestruturas públicas até o campo mineiro ou o enerxético. O intento de venda das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande, que porían en perigo centos de postos de traballo, incrementou as sospeitas de conivencia entre Villar Mir e o PP, que ten desde o goberno galego a última palabra para autorizar a operación. ‘Os negocios de Villar Mir en Galiza’.

SG246Sermos Galiza fai cinco anos neste 2017. Un V aniversario que a comunidade Sermos celebrou co compromiso de alargar o espazo galego de comunicación.

Co regreso das reválidas ás aulas do país durante as vindeiras semanas, Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, o sindicato maioritario no sector, analiza a intencionalidade destas probas, que contan cun amplo rexeitamento entre a comunidade educativa. ‘Sobran as reválidas, faltan os recursos’.

‘Sánchez suma apoios após o bronco debate’. Un debate a tumba aberta puxo ao nú como está o PSOE: absolutamente fracturado en dúas alas que no plano táctico son incompatíbeis: a facción socioliberal de Susana Díaz e a corrente neosocialdemócratade Pedro Sánchez.

A da AP9 é unha batalla económica, quen debe xerir unha infraestrutura fulcral na Galiza, mais tamén política. O aparato monclovita non está moi polo labor de reforzar o rol de Feijóo. O ministro de Fomento xa deixou ver que o PP se oporá no Congreso á transferencia. AP9: o goberno “amigo” complícalle a vida a Feijóo

Nun contexto marcado pola ameaza de retrocesos en América Latina, pola vía de reverter os avanzos atinxidos polos gobernos de esquerda, profundamos na análise do chamado ‘ciclo progresista’ que marcou un punto de inflexión na historia continental. O ‘ciclo progresista’ en América Latina.

`Catalunya: Referendo ou independencia’. Cada día que nos achega até o límite de 18 meses, que marcaron Junts pel Si e as CUP no seu acordo de goberno para celebrar un referendo de independencia en Catalunya, estiran un chisco máis as costuras dun goberno central que xa non sabe como aplacar o anhelo de independencia e ao mesmo tempo afastar o foco mediático da corrupción.

contraO esgotamento do coñecido como peto das pensións leva a situar a lente sobre o sistema público de pensións para se preguntar sobre a súa orixe, presente e futuro. A nova entrega da sección 5x2, que Sermos Galiza impulsa para conmemorar o seu V Aniversario, reúne Antolín Alcántara, secretario nacional de negociación colectiva da CIG, e Miguel Anxo Bastos, profesor de Ciencias Políticas e Socioloxía na USC, para debullar esta cuestión. ‘A viabilidade do sistema público de pensións’. En análise tratamos o modelo enerxético actual e a súa insostibilidade.

Non falta o Fóra de Serie, coas ideas, achegas e recoendacións. No selfie entrevista falamos con Carlos Álvarez, de Desoños. Na sección de Memoria falamos de Antonio Nouche Costa, naceu no ano 1924 en Bouzalonga, parroquia de Deixebre, no concello coruñés de Oroso. Desertou do exército mentres realizaba o servizo militar e uniuse á guerrilla antifranquista no verán de 1947. ‘O desterro da familia do guerrilleiro Antonio Nouche Costa’.

Marta Dacosta (Vigo,1966) é profesora, poeta e sindicalista. Chancea, “as sindicalistas tamén somos tipas duras”, mais no seu rostro, sempre e cando non a atopemos nun protesto, sempre se debuxa o sorriso e a tranquilidade. “Son optimista”, revélenos. Nesta entrevista conversamos con ela desa literatura á que lle pon a mesma paixón que lle pon á vida. Aténdenos cando se atopa en pleno proceso de presentación da súa última obra Na casa da avoa (Galaxia), onde podemos atopar poemas que reivindican o papel da muller, aquela de carne e óso, mais tamén da muller da mitoloxía clásica. “Estamos en pé de igualdade a nivel creativo con calquera lugar do mundo”.

A maior xoia bibliográfica galega, o pergameo Vindel, volve á Ría de Vigo que inspirou o poeta Martín Códax. Será este outubro cando poidamos disfrutalo no Museo do Mar, onde ficará varios meses para logo regresar á Morgan Library de Nova York, de onde será a primeira vez que sae. ‘Regresa o tesouro de Martín Codax’.

E neste número, as colaboracións e achegas de Xoán Costa, Luz Darriba, Tokio, Nachortas, Cheikh Fayé, Mercedes Espiño, Pepe Barro, Mario Regueira, Andrés Castro, Olga Brañas e Manuel Xestoso. 

Comentarios