Silvia Penas, escritora: "Interesábame a palabra retrato, ten que ver coa memoria e coa idea de que é un único fragmento"

Silvia Penas (Vigo, 1980) gañou neste mes de maio tres premios: o Follas Novas polo seu poemario Retratos de vodas, partos e funerais (Galaxia); o Premio de Poesía do Concello de Carral co poemario A pel do exilio (que será publicado en Espiral Maior), e o Premio aRi[t]mar a Mellor Poesía do Ano 2023 na Galiza por “Canto segundo para un fillo non nado".
Silvia Penas é poeta, creadora artística e performer (Foto: Diego Mateo).
photo_camera Silvia Penas é poeta, creadora artística e performer (Foto: Diego Mateo).

Maio chegou cheo de premios para vostede, entre eles o Follas Novas por Retratos de vodas, partos e funerais; recoñecendo un poemario que vén de longo.
Efectivamente, este foi un proxecto feito a contagotas. A Orquestra Clásica de Vigo propúxome facer un proxecto escénico con eles arredor da peza Così fan tutte de Mozart. Algúns deses textos despois pasaron a formar parte do poemario. Ao poder superar a limitación que impuña a música nese proxecto hai algúns textos que mudaron, mais outros quedaron igual, como é o caso de "Emilia chorando". Unha vez que atopei o título do poemario volveu mudar todo porque xa comecei a ter claras a organización e a estrutura que quería ter. Incluso o fío narrativo é distinto.

Con respecto ao premio, aínda me custa asimilalo, en parte porque en todos os anos que levo facendo poesía nunca estivera nin na gala nin en moitas das contornas da poesía galega. En Vigo conto con certa repercusión pola miña presenza en recitais e pola poesía escénica, mais fóra diso penso que son bastante descoñecida. Por iso tampouco me parecía posíbel chegar a ser premiada. 

Agora, cando menos dentro dese contexto da poesía galega, algunhas persoas xa saberán quen son, que creo que é para o que serven este tipo de cousas: para pórnos en común as unhas coas outras. Deume mágoa non poder estar na gala, sobre todo porque quería dedicarlle o premio ao meu pai e ao meu fillo, os homes que aparecen referenciados no libro. 

Cre que falta ese intercambio?
En certa maneira si, mais é normal. A AP-9 é moi cara, moverse pola Galiza é complexo. Non hai un apoio real como para que poidamos facer estes intercambios. Xa non digo que gañemos cartos, mais polo menos non gastalos. Creo que forma parte de toda unha engrenaxe complexa, porque non digo que non haxa interese. Diso si que nos sobra, o que pasa é que acabas coñecendo poetas que non viches recitar nunca. Por iso creo que este premio me sitúa máis no centro, que para o meu traballo é moi positivo. 

Unha parte importante de Retratos de vodas, partos e funerais son os relatos e as vivencias das mulleres.
É un poemario de como unha se fai muller, mais, como se fai sen os relatos e as historias doutras? Por iso cando hai un 'eu' non creo que sexa un eu real. 

Non creo que as mulleres fagamos literatura confesional, en todo caso experiencial, e nin sequera. Usamos o 'eu' porque o traballo solitario é subxectivo, mais está filtrado.

Non é fiel a unha realidade porque a ficción está presente en todo, incluso na memoria. Estes son textos que rescatan certas memorias, sen importar se son reais ou non, tanto miñas como doutras voces.

A idea de rescatar as memorias implica que antes foron perdidas. Perdemos tamén o contexto?
Claro. Interesábame incluír a palabra retrato porque ten que ver coa memoria, mais tamén coa idea de que é un único fragmento. Nun retrato non temos o contexto porque é un anaco. Con cada un deles téntase reconstruír algo que nun momento dado tivo importancia. 

Neste caso ademais falamos de retratos un pouco escuros. Isto é moi curioso, porque aínda que tendamos a retratar as cousas boas, a memoria adoita reter as malas. É un xogo de contradicións, das cales estamos cheas as persoas e que tamén están presentes no libro. 

Comentarios