CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Sing street

Sing Street
photo_camera Sing Street

SING STREET

(Irlanda 2016, 106 min.)

Dirección e guión: John Carney

Fotografía: Yaron Orbach

Elenco: Ferdia Walsh-Peelo, Lucy Boynton, Jack Reynor, Mark McKenna, Maria Doyle Kennedy, Aidan Gillen, Ian Kenny, Percy Chamburuka, Ben Carolan, Kelly Thornton, Don Wycherley, Karl Rice, Conor Hamilton

SINOPSE

Un adolescente do Dublín dos 80 funda unha banda de rock para fuxir da tensa vida familiar e, aliás, conseguir a atención dunha moza maior que el.

CRÍTICA

Poucos cineastas entenden o poder da música coma o irlandés John Carney. En 2007 salta á palestra coa obra mestra de baixo orzamento Once (ver Sermos Galiza nº204) e no 2013, xa con moitos máis medios e actores coñecidos, repite leitmotiv musical con Begin Again. Entremedias proba sorte, sen éxito, no xénero da comedia marciana (Zonad) ou no thriller sobrenatural (The Rafters), mais onde semella sentirse verdadeiramente cómodo son nas historias que xiran arredor do proceso creativo musical, xa que Carney foi músico antes que director de cinema, así que coñece perfectamente do que fala. Sing Street vén do nome do grupo que forman un quinteto de adolescentes que estudan nun represivo colexio católico chamado Synge Street, colexio onde “casualmente” tamén estudou John Carney. A partir de aquí xa podemos intuír que a carga autobiográfica é importante. Dublín. Anos 80. Conor (Ferdia Walsh-Peelo) ten que mudar os estudos a unha institución eclesiástica por mor dos problemas financeiros familiares. Tras sufrir acoso escolar e gañar a xenreira do director, trata de se refuxiar na música baixo o acubillo do seu irmán maior drogadicto (Jack Reynor), fonte de inspiración e conselleiro musical.

Un día coñece Raphina (Lucy Boynton), unha misteriosa moza maior que está sempre na saída da escola e di traballar de modelo. Para impresionala Conor dille que é perfecta para formar parte do videoclip que está a preparar coa súa banda. O problema é que non hai banda algunha, así que, ao igual que en Once e Begin Again, a cousa vai duns que tentan formar un grupo de música. Curiosamente, inda que repita esquema tanto en Once coma en Begin Again e agora en Sing Street, dalgunha forma consegue ser orixinal abondo para que cada un dos tres filmes sexa toda unha experiencia única en si mesma. En Sing Street céntrase nunha banda xuvenil, estilo Furious Monkey House, dos anos 80 que lembra (lixeiramente) o que foron os comezos da banda irlandesa U2. Aparte de que dous dos integrantes do grupo (cantante e guitarra) son cuspidiños a Bono e The Edge na época núbil, ambos os dous líderes da banda irlandesa tiñan apalabrada a colaboración activa na fita mais, por problemas de axenda, a cousa quedou nun par de achegas puntuais que, iso si, foron suficientes como para recibir senllos agradecementos nos títulos de crédito. Carney aproveita para facer un percorrido musical das súas maiores influencias, e fobias, dos 80 sen escatimar nun fino sentido do humor que dá a perspectiva daquela década.

En Sing Street, John Carney céntrase nunha banda xuvenil, estilo Furious Monkey House, dos anos 80 que lembra (lixeiramente) o que foron os comezos da banda irlandesa U2

Interesante banda sonora composta por cancións de Duran Duran, The Clash, Genesis ou The Cure, sen esquecerse de Motörhead e chiscadelas veladas a David Bowie ou Twisted Sister. Todos os integrantes do grupo son actores noveis e sen experiencia na interpretación, aportando un toque de frescura que sitúa Sing Street a medio camiño entre a maxia acadada en Once e a pulcritude de produción de Begin Again, afondando un pouco máis na “felicidade triste” do romanticismo que destilaban ambos filmes. Destaca por riba de todos Ian Kenny, extraordinario no papel do matón da escola, vívida imaxe dun posíbel parente irlandés de Nelson (o dos Simpsons). Merece un spin-off. Sing Street ten comedia, drama, música e, por suposto, amor... moito amor. Amor romántico, amor pola música e tamén amor fraternal. De feito o filme está dedicado a “todos os irmáns do mundo”. Moita atención ao clímax final. Agocha máis do que aparenta a simple vista: final feliz? fantasía? vídeo musical?... Que cada quen saque as súas propias conclusións porque a cousa leva visos de levantar máis controversias que o tótem de Orixe (2010, Christopher Nolan). Sexa como for, o que si queda meridiano é que John Carney é un dos directores con máis personalidade do panorama actual co engadido de ter a sorte de poder contar historias sobre unha das súas paixóns: a música. A sorte para nós é que se lle dá moi ben...

Máis en CULTURA
Comentarios