CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Therion: Beloved antichrist

Cando Christofer Johnson fundou con 15 anos Therion como unha banda de death metal, pouco podería imaxinar que a súa evolución converteríao nun dos máximos expoñentes do metal sinfónico. Hoxe, 30 anos despois, ve a luz Beloved Antichrist, a obra máis grande á que a banda se enfrontou xamais.

Non sabería dicir exactamente se Beloved Antichrist é unha ópera metal ou se é unha ópera na que se escoitan instrumentos propios do heavy metal. Esta magna obra conta con 46 temas divididos en 3 actos en que se conta unha historia baseada no Relato do Anticristo do filósofo ruso Validimir Soloviov. Para levar a cabo este proxecto, Therion contou con 29 cantantes líricos para interpretar cada un dos roles da historia, ademais dun gran coro.

Con todo isto achamos unha obra que Christofer variou para poder meter personaxe femininos, xa que no relato de Soloviov só había roles masculinos. Esto foi un gran acerto xa que esa variación de texturas entre voces masculinas e femininas fai moito máis grande esta obra. Teño que avisar que nesta obra non imos atopar grandes solos de guitarra, nin riffs atronadores. Estamos ante unha verdadeira ópera onde a importancia da historia que se conta é tanta como a da música que a envolve.

 

Obviamente non vou a detallar a obra tema por tema debido á súa duración. A obra está feita para ser escoitada no seu conxunto. De feito, até que non fun quen de escoitar Beloved Antichrist do tirón, non quixen escribir sobre o plástico. Non foi sinxelo, escoitar a ópera de seguido, de feito tardei varios días en escoitar todos os temas. A percepción dunha escoita global en relación a unha parcial e totalmente diferente. Cando se é capaz de mergullarse de pleno na historia, botamos en falta que este traballo non sexa acompañada cunha peza de vídeo, xa que estamos ante un material que para ser realmente apreciado na súa totalidade require ser representado de modo íntegro nun teatro. Por desgraza isto parece que polo de agora non vai ser posíbel.

 

A banda demostra con Beloved Antichrist a súa paixón pola ópera e como desfrutan interpretando o xénero lírico. Saben o que queren facer e saben como facelo, mais tamén son conscientes de que este non é un traballo para todos os públicos e que se queren conservar os fans da banda nos seus directos deberán evitar incluír moitos temas deste traballo. Recoñezo que nas primeiras escoitas, Beloved Antichrist, pareceume un disco extremadamente aburrido, pero por algunha razón funlle dando oportunidades e tras múltiples escoitas cada vez me gusta máis este traballo da banda sueca, iso si, consumido con moderación.

Therion nas redes

Web: http://www.megatherion.com/

Facebook: https://www.facebook.com/therion

Twitter: @_Therion

Máis en CULTURA
Comentarios