CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Vader: Iron Times

Cando contábamos de ter nas nosas mans “The Empire” o que  tiña que ser o novo longa duración  de Vader, os polacos sorpréndenos con “Iron Times”, un Ep de catro potentes temas, ao tempo que adían o lanzamento do Lp até o 4 de novembro.  Namentres, para facer a espera máis doce, agasallan este  petisco musical.

A boa impresión deste traballo xa escomeza pola portada, deseñada, igoal que o Go To Hell, por Joe Petagno. O deseño é claramente unha homenaxe a Motörhead. Nela podemos ver en primeiro plano unha cruz de ferro, como a que soía levar Lemmy, e detrás, disparando coa súa boca, un monstro moi parecido ao que aparecía na portada do mítico Orgasmatron, fusionado nun tanque en vez dun tren. 

Cando lle damos ao play, o primeiro tema que soa é Parabellum, que inicia cun frenético ritmo de batería ao que se une o resto da banda. A  voz de Piotr  Wiwczarek, non perdeu o seu toque persoal que a fai totalmente recoñecíbel e as guitarras  xogan con riffs entre o Death e o Thrash, nesa evolución natural da banda. Prayer to the God of War, é sen dúbida a xoia do disco, cunhas espectaculares guitarras de Marek Pajak executando uns solos deliciosos e unhas harmonías ao estilo dos clásicos do xénero; quere ser a carta da presentación de “The Empire”. De ser así, o disco promete ser algo espectacular.

Piesc I Stal é unha versión de Fist of steel de Panzer X, unha banda paralela de Piotr, que só sacara un EP e cun estilo mais Hard Rock, e que nesta ocasión traen ao seu estilo, facendo unha versión máis extrema, con ritmo máis pesado  e, a diferenza da orixinal que estaba cantada en inglés, coa letra en polaco. Pechando o traballo, está Overkill, unha exquisita versión de Motörhead, que é das mellores que teño escoitado deste tema. Sen dúbida, tanto a portada como este tema deixan claro cal é unha das grandes influencias da banda. 

Este traballo deixa bo sabor de boca e cara ao que está por vir, xa que  Vader volverá con mais rock en novembro e ao cinema por decembro, pero isto último, xa non é cousa miña, senón do compañeiro Andrés Castro.

Video: Vader – A Prayer to the God of War  https://youtu.be/7evx_AQy0jI

LISTAXE DE TEMAS

1. Parabellum
2. A Prayer to the God of War
3. Piesc I Stal
4. Overkill

VADER NAS REDES
Web: www.vader.pl
Facebook: https://www.facebook.com/vader
Twitter: @vaderband

Comentarios