A Vangarda Rusa revolucionará o MoMa

O Museo de Arte Moderno de Nova Iorque (MoMa) inaugurará en decembro unha exposición focada nos traballos pioneiros da Vangarda Rusa, escolma chave para comprender os precursores que mudaron radicalmente a produción artística do século pasado. 

Aleksandr Rodchenko pioneer with a bugle
photo_camera Aleksandr Rodchenko.

No centenario da Revolución Rusa, A revolutionary impulse: the rise of the Russian Avant-garde revisa o berce creativo dos pioneiros da Vangarda Rusa, atravesando un período (1912-1934) sacudido por acontecementos transcendentais na historia contemporánea, desde a Primeira Guerra Mundial, pasando pola Revolución de 1917 até o primeiro Plan Quinquenal do goberno soviético. A colección reúne obras pertencentes ao MoMa, nunha selección de experiencias innovadoras en múltiples soportes: pintura, debuxo, escultura, impresións, deseño gráfico e editorial, fotografía e arquitectura. Destacan os traballos de artistas líderes da Vangarda como Alexandra Exter, Natalia Goncharova, El Lissitzky, Kasimir Malevich, Vladimir Mayakovsky, Lyubov Popova, Alexandr Rodchenko, Olga Rozanova, Vladimir e Georgii Stenberg, e Dziga Vertov.

A exposición terá lugar entre o 4 de decembro de 2016 e o 12 de marzo de 2017, examinando algúns desenvolvementos chave na concepción de istmos vangardistas (Cubo-Futurismo, Suprematismo, Construtivismo, Linguaxe Transracial), así como filmes e fotomontaxes. Para os responsábeis do MoMa, esta mostra reflicte a urxencia creativa, a radical fertilización cruzada e a síntese das artes visuais como acicates da vangarda soviética, xunto ás aspiracións de transformación sociopolítica sen precedentes que foron o seu caldo de cultivo. Un legado ilimitado de ruptura, que tivo influencia nos modos de produción artística do século XX, cambiando o curso da historia moderna.

Máis en CULTURA
Comentarios