Con varios premios, entre eles a mellor dirección para Marta Pazos, nos María Casares por Tokio 3 e o Premio da Crítica por unanimidade no que se recoñecía de maneira especial a súa proposta escénica en Waltz, a compañía Voadora regresa a comezos de xuño cunha nova aposta, desta volta con “A tempestade” de W. Shakespeare, obra que coproducen co Centro Cultural VilaFlor de Guimarães, Centro Dramático Galego, XXX Mostra Internacional de Teatro Ribadavia e as compañías portuguesas Ao Cabo Teatro e Teatro Bruto.
O Dramaturgo Fernando Epelde é quen adapta a obra que, de novo, dirixirá Marta Pazos e que contará cun elenco composto por Diego Anigo, Jose Díaz, Fernando Epelde, Borja Fernández, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Hugo Torres, Guillermo Weickert e Sergio Zearreta.
Voadora leva Shakespeare a escena co último texto escrito polo autor de quen se fan neste 2014 os 450 anos do seu nacemento. É tamén a primeira vez que a compañía de Santiago se enfronta a unha montaxe dun texto de autoría allea, neste caso, un clásico no que imprimirán a súa linguaxe persoal. O espectáculo estrearase en xuño na apertura do encontro Festivais Gil Vicente de Guimarães.
A imaxe da información é do propio Fernando Epelde para o anuncio dos inicios do traballo sobre A Tempestade.