A xira de outono de 'Iribarne' comeza esta sexta feira en Rianxo

A última creación de ButacaZero regresa aos escenarios tras colleitar grandes éxitos de crítica e público, como o recente Premio do Público na 40ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e a mención especial dos programadores na Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca
Esther Carrodeguas nunha escena de 'Iribarne'. (Foto: Geraldine Leloutre)
photo_camera Esther Carrodeguas nunha escena de 'Iribarne'. (Foto: Geraldine Leloutre)

Iribarne, o último espectáculo da compañía ButacaZero, regresa aos escenarios despois dunha pausa estival e tras clausurar dous destacados encontros das artes escénicas: a 40ª Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, na que recibiu o Premio do Público e o 25 Festival de Teatro de Olite de Navarra, así como a súa recente participación na recoñecida Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca, na que os programadores a destacaron como a mellor montaxe desta edición.

Nesta xira de outono, que comezan o vindeiro 4 de outubro en Rianxo, estarán en numerosas localidades galegas como Tui, Carballo, Oleiros, Vimianzo e Gondomar, e doutros territorios do Estado.

Iribarne é o sétimo proxecto do tándem formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, responsábeis de ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente desde unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como "un intento (irreverente) por comprender como chegamos até aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero imprescindíbeis da nosa historia". Segundo ela, é "o traballo máis difícil que escribín ata agora".

Para Castiñeira, responsábel da dirección, "este personaxe é inabarcábel” e “entendo o que fixo, pero non desde onde o fixo e por que o fixo", e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun "silencio tácito arredor da historia política recente", e que este proxecto axudounos a entender de onde vimos. "Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia", apunta Carrodeguas.

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que Iribarne é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. De feito, é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, tamén está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas. 

Comentarios