Entrevista

Carlos Mella, ex conselleiro de Economía: "Galiza está moi mal financiada e isto é de libro, sábeo calquera"

Carlos Mella (A Estrada, 1930) é unha testemuña privilexiada das últimas décadas da realidade do país. Xurista e economista de formación, profesor de Economía Política na Universidade Complutense de Madrid, director xeral de Política Financeira nos Gobernos de Adolfo Suárez, conselleiro de Economía da Xunta da Galiza entre 1983 e 1984 -co popular Fernández Albor de presidente do Goberno galego- e autor de libros de referencia no ámbito económico, analiza a realidade da economía da Galiza.

26-09-2024 Carlos Mella-3
photo_camera Carlos Mella no despacho da súa vivenda de Santiago. (Foto: Arxina)

—O financiamento autonómico ocupa o centro do debate político na Galiza e no Estado. Neste contexto, foron aparecendo diversos traballos elaborados por particulares e mesmo por organismos públicos que refiren un infrafinanciamento  da Galiza e mesmo un déficit que o modelo xera nos servizos públicos fundamentais.
Galiza está moi mal financiada e isto é de libro, sábeo calquera e abonda con repasar as partidas e o custo dos servizos para velo. E iso non é novo, porque no ano 1983 a diferenza entre os cálculos da Xunta da Galiza e do Goberno do Estado eran 12.700 millóns de pesetas que, por certo, iso pagárano porque era tan claro que non lles quedou máis remedio.

A partir de aí, que Galiza está mal financiada resulta evidente, porque nun Estado autonómico como este, tal é como se fan as cousas, se non tes unha presenza política forte estás mal financiado. É unha regra xeral, está mal financiada Galiza e probabelmente está  mal financiada Asturias ou Castela e León. Se non tes forza política estás mal financiado. Outra cousa é o calculo da cantidade, que haberá que deixarllo aos que están no allo, pero é de supor que será grande, se naqueles tempos eran 12.000 millóns de pesetas xa me imaxino o que pode ser hoxe, porque a proporción despois vén sendo a mesma.

—Falaba agora sobre os problemas actuais de financiamento na Galiza, pero polo que está dicindo a realidade naqueles anos iniciais  do réxime autonómico non era moi diferente?
Os conselleiros do primeiro Goberno da autonomía tiñan unha preparación de auténticos analfabetos. Cando ían a Madrid a reclamar transferencias viñan contentos se conseguían algunha competencia e cando se lles preguntaba onde estaban os cartos para financiar a transferencia eles respondían que de cartos non sabían. En definitiva viñan as transferencias sen o financiamento.

—Precisamente, naquel contexto como conselleiro de Economía promoveu un novo sistema de financiamento para Galiza baseado nun modelo de concerto e onde se defendía a recadación de todos os tributos, que se pretendía con aquela proposta?
Facendo as contas naquel tempo, Galiza padecía un déficit moi importante que xeraba problemas para prestar os servizos porque Galiza non existía para o Goberno central, polo que pensabamos que un sistema de concerto podía resolver os problemas de financiamento que tiñamos. Eu dábame conta de que Galiza era unha nacionalidade histórica desaparecida, mentres Catalunya e Euskadi funcionaban de verdade, polo que se a Constitución estabelece que hai tres nacionalidades, estas teñen que ser iguais, pero Galiza renunciou aos seus dereitos e desapareceu do mapa político do Estado.

A proposta tiña unha parte económica e outra política. Con aquela proposta pretendíamos que Galiza se fixese presente, porque sabía que se non estás presente na política non existes.

—Que parte daquela alternativa formulada en 1983 e aprobada pola Cámara galega sería útil para hoxe e cales serían as vantaxes para Galiza de contar cunha axencia tributaria propia e de dotarse de instrumentos de política fiscal?
Con aquel concerto lograríamos para Galiza un instrumento áxil e eficaz, que ademais de dotar Galiza da autonomía financeira imprescindíbel, aseguraría os recursos necesarios para lograr que o noso pobo dispuxese de niveis de benestar semellantes aos de calquera outra comunidade. Contar cun concerto permitiríanos a nós pór as regras, como é natural, contar cunha axencia tributaria, ademais permitiríanos recadar todos os nosos impostos. Neste sentido, penso que o que eu propuxen naquel momento poderíase propor hoxe igual.  

—Vendo a posición e o voto favorábel dos populares naquel debate e analizando as alternativas defendidas hoxe por esta formación, cabe preguntarse sobre a evolución deste partido e se era posíbel que escollera outro camiño distinto ao que finalmente elixiu?

Non te fagas ilusións. Alianza Popular asinou esa reforma do Estatuto porque daquela asinaban o que lles puñas diante, non por convicción, que non lles importaba nada. Pero tíñano que asinar porque os restos da UCD formabamos parte do Goberno e entón fixemos a reforma do Estatuto e eles asinárona. O PP non cambiou nada. Era daquela un partido moi fechado e eu diría que disposto a obedecer a Madrid. Non houbo evolución ningunha, creo que segue sendo un partido pouco tratábel.

—Van alá máis de 40 anos desde a aprobación do Estatuto e moitas das competencias recollidas no mesmo como exclusivas continúan sen transferirse aínda. Ao tempo, o texto non se tocou desde 1981, como explica isto e que pensa sobre a reforma do Estatuto?

Estamos diante do problema de sempre, que ninguén quere ver pero que para min é o fundamental, Galiza ten unha existencia política pero non ten presenza política e se non tes presenza política es un ninguén.

A min sorpréndeme o pouco caso que se lle fai á non existencia política da Galiza, porque unha cousa é a existencia e outra moi diferente é a presenza. Un pobo existe fisicamente, pero se non é quen de traducir a súa existencia en presenza política paga un prezo caro por tal incapacidade e Galiza vive nesa situación, conserva a súa identidade pero non ten presenza política e os nosos representantes, a diferenza dos cataláns e vascos, non defenden os intereses da Galiza, senón intereses estatais ou de partido. O pobo galego cumpriu a súa obriga histórica, pasaron os séculos pero conservou o idioma, os costumes, en definitiva a súa esencialidade como pobo. Agora, fixeron o mesmo os nosos políticos? Non.

—Saltando no tempo e aproveitando o 30 aniversario da publicación do seu libro A falacia do economicismo (Espiral Maior), até que punto as teses centrais dese traballo continúan na actualidade vixentes?

Creo que as ideas que formulaba naquel libro continúan sendo claves e vixentes. A min téñenme que dicir en que iso non é certo ou que a dinámica que explico alí non segue funcionando hoxe en día. Unha das cousas que sinalaba alí era como o capitalismo ía xerando desigualdades e como estas se ían incrementando e iso é o que está pasando hoxe. Ningún dato pon en dúbida que as desigualdades medran. Cando escoito cousas como que “a economía vai como un tiro”, como dixo o outro día o presidente do Goberno español, só digo que co produto interior bruto (PIB) ti podes facer o que queiras. Pero a realidade é que somos o Estado con máis parados de Europa, con máis desemprego xuvenil, o terceiro con máis desigualdade e cun problema moi grave de acceso á vivenda. Se iso é ir como un tiro...

Non hai cambio sobre o que eu escribía hai uns 30 anos e considero que camiñamos cara á catástrofe económica. Incluso a desigualdade medra cada día, como sinala o informe de Oxfam, que afirma que a riqueza de 1% da poboación mundial é superior á de 95% da poboación restante. E isto é terríbel porque parte da primacía do económico sobre calquera outra actividade humana.

—Defendía no volume, en plena preamar da ofensiva neoliberal, a importancia do sector público na economía e moi concretamente de instrumentos de crédito desa natureza, que significa para Galiza carecer de banca pública aínda máis após a desfeita das caixas?

A min dáme a impresión de que ou se nacionaliza a banca ou se crea unha banca pública forte. As caixas de aforro, que a banca e algún outro se encargaron de fundilas, eran un instrumento moi bo a favor da Galiza coa que non había unha posibilidade dun monopolio total como hai agora porque había certa competencia. Iso si, había que vixialas ben, polo tanto o poder político ten que explicar por que quebraron as caixas, porque era a el a quen correspondía o labor de supervisión. Ademais, aquí na Galiza, aos equipos directivos das caixas os poderes públicos deixáronlles facer autenticas parvadas.

A falta de presenza política da Galiza e o papel da burguesía galega

Carlos Mella considera que a falta de peso político é chave para explicar a situación da Galiza. Neste sentido, sostén que “os políticos cataláns e vascos viñan dunha cultura dunha burguesía ilustrada e rica e eran persoas cultas e intelixentes. Os representantes galegos saían da rusticidade, eran señores feudais que querían facerse ver en Madrid. En fin, que saíndo da rusticidade mimetizouse ao españolismo co furor de neófito e a burguesía galega non foi o lévedo do seu propio país, como aconteceu en Catalunya e Euskadi”.

Nesta orientación, entende que “temos que mirar moi en serio a nosa presenza política. O nacionalismo galego, que agora semella que recupera, non pode ser a percha dunha ideoloxía política. A nosa representación en Madrid é mínima, un deputado, aquí na Galiza somos a segunda forza política pero aínda nos falta moito”. A este respecto, demanda como imprescindíbel “unha maior presenza política da Galiza” como cuestión esencial  para facer fronte aos problemas do país na orde política, institucional, económica e social.

Comentarios