A oposición desconfía do proxecto de comercializadora de enerxía anunciado por Rueda: "É un anuncio botafumeiro"

BNG e PSdeG inciden no papel das empresas privadas.
Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, esta segunda feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza. (Foto: Arxina)

A comercializadora de enerxía  que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou esta fin de semana non convence a oposición. Nacionalistas e socialistas desconfían  dun anuncio que o propio Rueda desbotou esta segunda feira, a preguntas da prensa, explicar máis polo miúdo a respecto da súa composición, funcionamento ou alcance. "Remítome á presentación do proxecto esta cuarta feira", afirmou o mandatario, "aí daranse os detalles".

Tamén esta segunda, e tamén a preguntas da prensa, Montse Prado (BNG), reprochou que o PP é "especialista en anuncios 'botafumeiros", á vez que lembrou que os populares "sempre" vetaron iniciativas do nacionalismo en materia enerxética. Prado afea que o PP "aposta por beneficiar á empresa privada", xa que pon ao público "ao servizo de empresas privadas". Así, subliñou a nacionalista que o BNG leva anos "denunciado o espolio de enerxía", e defendendo a "creación" dunha empresa enerxética pública, así como unha tarifa eléctrica galega.

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, posicionouse a favor dunha produción e comercialización de enerxía mais dixo que para iso que “non temos necesidade de entrar en fórmulas confusas entre os sectores público e privado”. Besteiro apuntou que vai agardar para ver “como van desenvolvendo ese fío Rueda e o Partido Popular, porque de anuncios grandilocuentes penso que temos experiencias probadas no ámbito da enerxía, no industrial e en todo tipo de proxectos”.

Financiamento

O líder socialista fixo estas declaracións após a presentación do libro “En la brecha del sexo. Por un trabajo de igual valor”, do membro da Executiva do PSdeG Javier Carballo.

Montse Prado valorou o anuncio da comercializadora após a presentación canda a responsábel de Organización do BNG, Lucía López, da campaña informativa —Galiza coa chave dúas seus cartos—  que a formación nacionalista desenvolverá a diferentes niveis en defensa dun concerto económico propio para a Galiza. Para dar conta da dimensión da "discriminación" do actual modelo, Prado subliñou que só no ano 2022 —segundo os datos da liquidación orzamentaria— a diferenza entre o que Galiza achegou vía impostos e o que lle transfire o Estado foi de 5.344 millóns de euros. Se a conta se fai entre 2009 e 2022  a cifra supera os 59.000 millóns.

Consello da Xunta

O presidente da Xunta emprazou a mañá, cuarta feira, para coñecer o contido do seu anuncio sobre a comercializadora. Esta segunda feira, Rueda anunciou ao termo do Consello, nunha comparecencia xunto á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que a Xunta construirá a primeira planta pública da Galiza para a xestión e recuperación de residuos domésticos téxtiles, investindo 14 millóns de euros. A preguntas da prensa sobre se eses residuos téxtiles após o seu tratamento poderían ter Altri como destino —de aprobarse finalmente o proxecto para A Ulloa—, a conselleira limitouse a sinalar que,  con esta planta "as empresas teñen na Galiza o fío necesario para poder utilizar" en virtude da lei europea que a partir de 2030 obriga a que os tecidos sexan reciclados e sostíbeis. 

Nesa comparecencia, o presidente tamén evitou pronunciarse, a preguntas de Nós Diario, sobre se a Xunta ía aplicar as recomendacións sobre o galego feitas polo Comité de Expertos do Consello de Europa.

Comentarios