París 2024 | Natación

Léon Marchand non defrauda ante a súa xente: ouro e récord olímpico nos 400 estilos

O francés segue a facer historia na natación.
O nadador francés Léon Marchand, co seu ouro. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)
photo_camera O nadador francés Léon Marchand, co seu ouro. (Foto: Michael Kappeler / DPA vía Europa Press)

O francés Léon Marchand chegaba a estes Xogos Olímpicos, os da súa casa e ante a súa xente, como un dos grandes atractivos na natación. E non defraudou. Este domingo proclamouse campión nos 400 metros estilos nunha colosal carreira na que non tivo rival. Asinou un tempo de 4:02.95 que supón, ademais, un novo récord olímpico na proba. E quedou a menos de medio segundo de bater tamén a mellor marca mundial, que posúe el mesmo desde que lla arrebatou o pasado ano a toda unha lenda da piscina como é o estadounidense Michael Phelps.

Marchand xogaba na casa, e iso nótase. A piscina do La Défense Arena estaba totalmente entregada ao seu compatriota, que deu a Francia o seu primeiro ouro olímpico en natación desde Londres 2012. Corearon o seu nome e entoaron A Marsellesa antes mesmo de que o anunciasen pola megafonía. Esta era, e segue a ser, Unha das principais bazas do olimpismo francés nos seus Xogos.

O nadador francés competía hoxe, como quen dí, contra si mesmo, ao máis puro estilo dun Phelps ao que parece decidido a arrebatarlle o trono como o rei da natación.

A verdadeira loita deuse pola prata, que finalmente foi para o xaponés Matsushita Tomoyuki, que entrou seis segundos despois de Marchand. O bronce levóuno o estadounidense Carson Foster, a só catro centésimas do nipón.

Comentarios