A contundencia nórdica fai soar 'A Rianxeira' no retorno de Europa a Balaídos

Os goles do sueco Guidetti e do dinamarqués Wass na recta final do encontro danlle ao Celta a vitoria fronte un rochoso e disciplinado Panathinaikos.

Celta Panathinaikos RC Celta
photo_camera Imaxe: RC Celta

Gañou o Celta na volta das competicións europeas a Balaídos e A Rianxeira volveu a soar clara e forte, desta vez na gorxa dos máis de 15.000 seareiros que acudiron a animar a equipa. Foi un triunfo logrado na recta final do encontro e grazas aos tantos marcados polo sueco Guidetti e o dinamarqués Wass, deixando un resultado (2-0) que, para ser sinceros, é inxusto de máis para co Panathinaikos.

Os gregos amosáronse como un equipo firme e rochoso, que puxo o Celta contra as cordas en máis dunha ocasión. Os celestes asumiron de saída a iniciativa, mais posuír a bola non abonda, e durante boa parted o partido a bola pesoulles, non se traducíu en perigo algún. De feito, o mellor xogador celtista foi o porteiro, Sergio, O Gato de Catoira, que protagonizou varios paradóns, como o que fixo no man a man con Ibarbo a piques de rematar a primeira metade e que máis dun vía como gol seguro. Non foi a súa única parada para tirar o chapeu.

O Panathinaikos tiña 'controlado' o Celta e fiaba as súas bazas a contra-ataques rápidos. Mais todo variou a partir dos cambios introducidos por Berizzo. Saltaron ao campo Iago Aspas, Sisto e Was e a equipa celeste comezou a xerar perigo, o que se concretou, unha vez máis, nos minutos finais do partido, con dous goles e 3 puntos para o Celta.

Ficha

Celta (2): Sergio, Hugo Mallo, Fontàs, Cabral, Jonny, Señé (Wass, 71’), Marcelo Díaz, Pablo Hernández, Naranjo (Sisto, 60’), Guidetti, Rossi (Aspas, 78’).

Panathinaikos (0): Steele, Koutroumbis (M’Poku, 87’), Samba, Ibarbo, Berg, Zeca, Lod, Villafáñez, Ledesma, Moledo, Coullibaly.

Goles: Guidetti, 84’ (1-0); Wass, 88’ (2-0).

Árbitro: Luca Banti, da Federación Italiana. Amonestou a Villafáñez e Samba (Panathinaikos) e Cabral (Celta).

Campo: Balaídos (15.726 espectadores).

Comentarios