O primeiro gol de Andone non abonda

10 partidos sen ver porta son unha eternidade para un punta. Acabou o pesadelo para Florin Andone en Granada, mais non por iso o Dépor tivo un día inteiramente feliz. Esta equipa está abonada a encaixar goles parvos. Voltou a acontecer este sábado. O árbitro Undiano Mallenco tampouco xogou a favor da escadra galega.

Granada-Deportivo. 5 de novembro de 2016
photo_camera Luisinho e Pedro Mosquera

Aconteceu unha improbabilidade estatística -un gol de Florian Andone, o primeiro en once xogos de liga-, o episodio de case todas as xornadas -un gol parvo ou rocambolesco, o encaixado por Tyton- e un novo erro arbitral -o segundo no que vai de campionato- que nega un gol legal ao combo treinado por Gaizka Garitano. A combinación deses lances fructificou nun novo empate dun Deportivo que foi superior a un Granada que ten o inequívoco aspecto de ser un intruso da Segunda División a xogar en Primeira.

O xogo tivo dúas metades moito diferentes. A primeira foi só para seareiras e seareiros a proba de bocexos. Non pasou apenas nada, con dúas equipas atrapadas polo medo a perder. O Deportivo ten máis calidade da que el proprio pensa, así que combina menos a bola do que debería. Alén diso, hai un futbolista outrora clave que non está neste momento no campionato, o galego Pedro Mosquera. Aquel pivote imperial da primeira volta da pasada temporada está de vacacións e a equipa sofre a súa ausencia. O seu parceiro na medular, o costarricense Celso Borges, é un futbolista invisíbel. Os clásicos dirían que o seu traballo é xordo ou suxo. Talvez sexa así, mas a impresión é que con el no campo nunca pasa nada. Garitano debería reparar en que ten na bancada Álex Bergantiños.

A segunda parte mudou totalmente o decorado. Emre Çolak filtrou un balón letal ás costas da defensa andaluza e Florin Andone pelexou por el como se lle fose a vida. Gañou a posición, desequilibrou o central e chutou sen acerto ante Ochoa. Mais porfiou tanto que cazou o rexeitamento. Estreaba o taboleiro de marcas e a súa conta de resultados no campionato. O gol revolucionou o xogo porque o Granada asinaba con el a súa sentenza de morte e iso que aínda non levamos nen un terzo do campionato. Abriu tanto as liñas que o Deportivo puido matar o encontro. De feito fíxoo, cun gol case debaixo da trabe de Ryan Babel. O holandés, que acababa de entrar no campo após a lesión do colombiano Marlos Moreno, estaba perfeitamente habilitado, mais o xuíz de liña asubiou un fóra de xogo que só existía na súa imaxinación.

Co gol anulado, o Deportivo reencontrouse co seu fantasma de case todos os domingos, esa acción estraña que se acaba traducindo nun gol en contra

Co gol anulado, o Deportivo reencontrouse co seu fantasma de case todos os domingos, esa acción estraña que se acaba traducindo nun gol en contra. Neste caso foi unha xogada desas que poden devir virais, polo rocambolescas, até tres disparos a gol no mesmo lance, misil á trabe incluída, con Tyton tentando tapar todos os buracos posíbeis á vez, tan estresado estaba o porteiro polaco que até deu a impresión de que se autogoleaba co disparo final, inverosímil, de Barral.

Despois do 1-1, calquera puido gañar, houbo ocasións a esgalla, incluída unha literalmente infallábel de Guilherme. O Deportivo suma o seu décimo ponto. Ou pon fin aos goles parvos ou sufrirá até o último partido para manter a categoría.

Granada: Ochoa; Isaac Cuenca, Vezo, Lombán, Saunier (Boga, m.64), Gabriel Silva; Jon Toral (Kravets, m.69), Uche (Sergi Samper, m75), Carcela-González, Andreas-Pereira; e Barral.

Deportivo: Tyton; Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho; Mosquera, Borges (Faycal, m.86); Bruno Gama, Marlos Moreno (Babel, m.61), Çolak (Guilherme, m.75); e Andone.

Goles: 0-1, min 64: Andone. 1-1, min 80: Barral.

Árbitro: Alberto Undiano Mallenco (C. Navarro). Amostou cartóns a Saunier, Borges e Luisinho.

Comentarios