Centos de traballadores concentráronse ante a Xunta exixindo unha tarifa competitiva

Centos de traballadores das factorías de Alcoa na Galiza, apoiados por compañeiros de Asturies e Euskal Herria, concentráronse ante a sé da Xunta para demandar unha solución que evite o esmorecemento das factorías e a perda de milleiros de empregos
Jorquera con traballadores de Alcoa
photo_camera Jorquera con traballadores de Alcoa

Entre o estoupido de ducias de petardos, o bater dos cascos de obreiros contra puños e numerosas bandeiras de centrais sindicais, da Galiza, Asturies ou Euskal Herria, centos de traballadores de Alcoa concentráronse en Compostela ante San Caetano, sé administrativa do goberno galego. Durante máis dunha hora cortaron o vial que une a estación de autobuses e a Avenida de Lugo, para demandaren unha tarifa eléctrica competitiva, a reclamación que exixe a empresa para seguiren producindo.

"Isto é a guerra, Alcoa non se pecha", "queremos traballar, enerxía barata", "Soria escoita, Alcoa está en loita" ou "vai se acabar a dictadura popular", foron algunhas das palabras de orde coreadas polos de máis do milleiro de participantes na protesta. Desde a comarca da Mariña, onde está ubicada a factoría de San CIbrao (que supón 2.000 postos de traballo directos) partiron a primeira hora da mañá unha decea de autobuses. Tamén había na concentración traballadores das factorías da Coruña e Avilés. 

Apoio sindical e político

Entre @s presentes, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, ou o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, que apoiaron as demandas do cadrio de persoal e incidiron na importancia desta industria para Galiza e, nomeadamente, A Mariña.

 Jorquera defendeu o deseño en Galiza dunha política tarifaria propria en materia eléctica que permita pór en valor a especialización que ten o País neste ámbito e consolidar empresas como Alcoa.

Após unha hora de concentración, unha delegación dos sindicatos accedeu a San Caetano (entre berros de A por eles de centos de gorxas) para manteren unha xuntanza con responsábeis da Consellería de Economía e Industria. O departamento, en días pasados, negara toda competencia e capacidade de maniobra para dar cumprimento á reivindicación de btarifa eléctrica competitiva, botando a pelota ao tellado do Ministerio.

Mais desde sindicatos como a CIG lémbrase que durante ano e medio a Consellería mantivo xuntanzas cos traballadores e empresa para abordar o tema, alén de lembrar que na Xunta e Madrid goberna o mesmo partido, PP. "Se hai vontade política, hai solución".

Mobilizacóns constantes

Nos últimos meses, o cadro de persoal de Alcoa está a protagonizar numerosas mobilizacións en demanda dun tipo de tarifa competitiva que xa existe noutros estados da UE (caso de Italia, por exemplo), tanto na Coruña como especialmente na Mariña. Nelas teñen participado, ademáis, milleiros de veciños, como na manifestación de Viveiro de comezos de verán.

Comentarios