60.000 millóns de euros, a factura que a UE quer pasarlle a Londres polo Brexit

A teoría de Bruxelas é que Londres adquiriu compromisos financeiros que finalmente non cumprirá ao votar pola súa saída da UE. En consecuencia, a Comisión tenciona pasarlle unha factura a Londres. A conta podería saírlle ao Reino Unido por volta de 60.000 millóns de euros (por cima do PIB galego), a pagar en prazos até 2023.

leave
photo_camera Imaxe do reconto do referendo realizado o 23 de xuño de 2016

A saída da UE non será debalde para Londres se finalmente cristalizaren as intencións da Comisión europea. Estados da Unión Europea tal relevantes como Alemaña, Italia ou Franza están de acordo cos planos do goberno comunitario de lle demandar o pagamento ao Reino Unido mesmo antes de que dean comezo as negociacións sobre as condicións en que se irá materializar a saída británica do clube continental.

O ministro italiano de asuntos europeus, Sandro Gozi, declarou a The Financial Times que na súa opinión sería unha má ideia estabelecer conversas sobre as futuras relacións comerciais con Londres en paralelo ás negociacións sobre a súa saída da UE. Dito doutro xeito, antes de falar dunha nova alianza comercial, o Reino Unido terá que pasar por caixa.

Xa a quinta feira pasada, o chanceler austriaco Christian Kern puxo cifras á factura. "A bon seguro que [o Brexit] será custoso para o Reino Unido porque existen unha chea de obrigas financeiras. O cheque terá de ser por volta de 60.000 millóns de euros, isto é o que ten calculado a Comisión Europea e isto será parte das negociacións".

A factura ten necesariamente que cobrir, aos ollos da Comisión, a participación comprometida por Londres antes do Brexit en proxectos xa aprobados, ben como o custo do deslocamento de institucións da UE sediadas en Londres (por exemplo a Axencia Europea de Medicinas ou a Autoridade Banqueira Europea) que terán de ser trasladas ao continente. Reino Unido tamén terá que achegar a súa alicuota parte nas pensións do staff das institucións comunitarias.

Comentarios