O Brexit gaña por 3,8 pontos e Cameron anuncia a demisión

O Reino Unido decide abandonar a Unión Europea

The End. Conclúe a relación entre o Reino Unido e a Unión Europea. Nun histórico referendo, o Brexit impúxose ao Bremain por 51,9% a 48,1%. Cameron anunciou a súa renuncia ao se divulgaren os resultados. A UE vese abocada a unha crise sen precedentes.

Leave
photo_camera Foto: BBC

Por vez primeira na historia un Estado membro decide abandonar a Unión Europea. Até agora o proxecto de construción da UE sofrera derrotas en referendos como os do Tratado Constitucional -rexeitados en votación por Francia e Holanda- mais isto é distinto e moito máis grave. Trátase da saída dun dos Estados capitalistas máis desenvolvidos, membro da Comunidade Económica Europea desde 1961.

A primeira consecuencia política do triunfo do Brexit -unha victoria por unha marxe máis folgada da prevista nos inquéritos- foi o anuncio realizado esta mesma sexta feira por David Cameron de que ía renunciar ao seu cargo como primeiro ministro. Farao en outubro, despois de dirixir os primeiros compases do proceso de desconexión con Bruxelas.

A opción pola saída da UE obtivo o 51,9% dos sufraxios, isto é, 17.410.742 votos, encanto que a vía pola permanencia se fixo co 48,1%. 16.141.241. Un 1,3 millóns de votos de diferenza. A participación foi alta en termos británicos, o 71,8% das persoas con direito a voto. É o récord desde 1992 para calquera tipo de elección.

O Brexit é un triunfo incontestábel do partido da dereita extrema UKIP e dos sectores críticos -críticos por contrarios á UE- do Partido Conservador de David Cameron. Nas súas primeiras declaracións, Nigel Farage, o líder do UKIP,  obviamente exultante, botou man da épica para cualificar a xornada como o "Día da Independencia" do Reino Unido.

No campo dos perdedores, os tories e os laboristas, ou sexa, o bipartidismo tradicional británico. Mais non só a formación conservadora foi ao referendo dividida: cadros dirixentes do partido que dirixe Jeremy Corbyn recoñecían esta quinta feira que no mínimo un terzo do seu eleitorado votara polo Brexit.

FRACTURA TERRITORIAL

O referendo mostrou a división territorial que atravesa o Reino Unido. En realidade, o éxito do Brexit foi produto do voto inglés. Do voto inglés sen Londres. Na capital o Bremain gañou por goleada: 59.9% face o 40.1%. Foi na Inglaterra máis rural onde a Unión Europea perdeu a batalla.

Nas outras nacións, e como cabía agardar, o voto máis entusiasta a prol da permanencia foi o de Escocia. Abandeirado polo SNP, obtivo o 62% face o 38 do Brexit. Nos condados do norte de Irlanda, aínda sob ocupación británica, a opción por ficar na Unión -apoiada polo Sinn Féin- colleitou o 55,8% fronte ao 44,2% a prol da saída. A excepción, Galés. Aí o Brexit foi maioritario, co 52,5%, encanto que votaron por remain o 47,5%.

DOUS ANOS PARA SAÍR

E agora? Agora o procedimento é a activación do artigo 50 do Tratado de Lisboa, que contempla os trámites para a saída dun Estado membro. O proceso completo demorará arredor de dous anos. Hai que negociar moitos aspectos, desde as novas relacións comerciais do Reino Unido coa UE até en que status fican os cidadáns comunitarios -entre eles miles de galegas e galegos- no país. As e os lexisladores británicos teñen moita tarefa por diante: a de decidir que fan con 40 anos do corpus legal comunitario que se incorporara ao seu ordenamento xurídico durante a permanencia do Reino Unido na Unión.

QUEDA DA LIBRA

Os mercados financeiros reaxiron ao Brexit de acordo co guión previsíbel. Nun primeiro momento a libra chegou a caír até rexistos de 1985. No momento de editar esta información, a súa queda face o dólar foi do 7%, agora trócase unha libra por 1,377 dólares. Por súa parte, en Madrid o Ibex 35 está a rexistar perdas por volta do 16%, récord histórico do selectivo español.

Esta notícia foi actualizada ás 10.32 horas.

Comentarios