Galiza, líder en destrución de emprego no estado

O noso país é o lugar onde máis subiu o desemprego de todo o Estado español. O desemprego aumenta de maneira alarmante no noso país. As oficinas do Servizo Público de Emprego de Galiza rexistraron 2.251 persoas que quedaron sen traballo no mes de decembro.

Galiza comeza o ano con 278.787 desempregad@s e xa vai en primeira lugar do Estado español en destrución de emprego. Son os datos facilitados polo ministerio de Emprego e Seguridade Social para o mes de decembro de 2012, polo que xa podemos contar co total de desemprego anual do ano pasado. Segundo a nota oficial 13 das 17 comunidades rexistraron unha pequena baixada no desemprego e a que obtén peores resultados é Galiza, onde quedaron sen traballo, 2.251 máis a respecto de novembro, un 0,8% máis. No conxunto do estado, o paro rexistrado ao remate de 2012 foi de 4.848.723 persoas, un 9,64 % máis que en 2011

Aliás, Galiza conta con perto de 36.000 persoas menos na seguridade social, situándose en pouco máis dun millón as cotizacións. 

Por provincias A Coruña é a que peores datos rexistrou de todo o estado con 1.750 persoas máis inscritas como desempregadas e xa conta con 109.975 demandantes de emprego, un 8,19% máis que hai un ano. Pontevedra tamén conta con números negativos e aumentou en 555 o número de desempregad@s, tendo un total de 110.466 en toda a provincia, un 7,29 máis que hai un ano. En Lugo creceu o desemprego en 36 persoas, un 9,97 máis, e en Ourense rexistrouse un descenso de 90 persoas, o único dato positivo do día.

Comentarios