A asociación animalista Libera pide á Xunta que "non fique atrás" na creación de industria relacionada coas carnes vexetais e faga un investimento para converter a Galiza en "potencia internacional", pois manteñen que o país "tería moito que dicir" no sector.
O colectivo pon o exemplo de Canadá, que deseñou un "ambicioso plan" posto en marcha o pasado ano, enfocando as guías de alimentación cara a un incremento no consumo de alimentos vexetais. Tamén destacan o caso de Finlandia, que nos últimos días anunciaba o proxecto Expro, dotado de dous millóns de euros para favorecer cultivos e marcas de alimentos de orixe vexetal.
Así, Libera apunta o "alto rendemento económico" da Galiza en sectores como a extracción e transformación de algas, os cultivos experimentais de froitos e a "calidade" en produtos vexetais que dispoñen de denominación de orixe.
Neste senso, a organización animalista suxire que se usen fondos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Xunta, para trazar "un plan de apoio" a empresas galegas baseadas na nutrición con plantas.
Segundo aseguran, o sector está a experimentar un medre nas vendas "exponencial" ano a ano, polo que entenden que a aposta nel pode ser "unha alternativa real á continuidade de granxas lácteas con cada vez menos ingresos e cuxos responsábeis sobreviven grazas aos subsidios europeos".