EH Bildu chama á independencia e o PNV a decidir

Euskal Herria Bildu convoca un acto nacional pola independencia o vindeiro 13 de outubro mentres o PNV fala de capacidade para decidir no seu Alderdi Eguna.
Íñigo Urkullu
photo_camera Íñigo Urkullu

No seu día de festa, o PNV rodeouse de militantes e simpatizantes para tomar folgos de cara á campaña electoral. O líder jetzale e candidato a lehendakari, Íñigo Urkullu, apoiouse durante o Alderdi Eguna, no ex-presidente da formación, Xabier Arzalluz, para achegar o seu discurso @s asistentes, entre @s que se atopaban a deputada parlamentar Uxue Barkos e representantes de CiU.

Na súa intevención, Urkullu asegurou que as vindeiras eleccións vascas marcarán un fito histórico "para o presente e o futuro" do país e asegurou, que a actual situación económica "exixe dar respostas aos problemas prioritarios, ás urxencias da xente". Porén, no acto desenvolvido a pasada fin de semana en Foronda (Áraba) o candidato jetzale non avanzou ningunha das propostas que conforman o programa electoral da súa formación do que só dixo, o seu obxectivo será "camiñar xuntos e gañar un novo futuro para Euskadi".

Malia constituír un acto festivo --e non estritamente electoral-- a campaña entrou no Alderdi Eguna a través das verbas de Urkullu que marcou con clareza quen será o seu rival de cara aos comicios de outubro.

Urkullu: "Non imos deixar que ninguén nos dea leccións de xustiza social nin de patriotismo"

"Non imos deixar que ninguén nos dea leccións de xustiza social e tampouco que ninguén nolas dea de patriotismo", arremeteu con dureza o candidato a lehendakari contra a esquerda abertzale aos que se dirixiu en diversas ocasións. "Cando uns pegaban tiros", aseverou Urkullu, "nós construíamos, pedra a pedra, as institucións ás que agora chegan". O líder jetzale no entanto, reservouse as críticas para o candidato do PSE, Patxi López e mesmo para o goberno español, do que non dixo nada.

Aludindo en diversas ocasións ao "espírito de 1983" --ano no que se produciran as maiores inundacións en Euskadi nas que finaron 30 persoas-- Íñigo Urkullu fixo un chamamento á "reconstrución de Euskadi" para que "este país, esta nación" poida medirse coas demais "nacións de Europa". Así mesmo, apelou ao "dereito a decidir" da sociedade vasca mais eludiu facer mención á independencia.

EH Bildu convoca un acto nacional a prol da independencia
Pola contra, a coalición electoral da que toman parte EA, Aralar, Alternatiba e a esquerda abertale; lanzou esta fin de semana a convocatoria dun acto nacional --que terá lugar no BEC de Barakaldo-- a favor da independencia.

Mintegui: "Imos romper as ataduras con quen goberna baixo o ditado dos mercados e as finanzas".

Segundo a candidata a lehendakari, Laura Mintegui, a importancia desta xornada --que se desenvolverá o vindeiro día 13-- reside na "necesidade de construír un marco soberano, que permita dotármonos dos instrumentos precisos para abordar as nosas propias políticas económicas, sociais e laborais".
A formación soberanista, asegurou que Euskal Herria non pode ficar nun "sistema corrupto como o español" que supón unha perda de dereitos e liberdades para o pobo vasco. Neste senso, desde EH Bildu fan un chamamento á cidadanía de Euskal Herria para que convertan o BEC "nun espazo amplo e plural" no que reivindicar a independencia de maneira clara e directa. Mintegui asegurou que o único xeito posíbel de saír da crise pasa necesariamente pola soberanía nacional. 

Nunha entrevista concedida a unha radio vasca, Mintegui respondía ás declaracións de Urkullo tildando o seu discurso no Alderdi Eguna de "ambiguo" e asegurou que non acababa de entender cales eran os obxectivos reais do PNV. Porén dixo agardar que @ líderes jetzales se impregnen do sentir intependentista que en boa medida practican as bases do PNV. 

"Queremos construír o estado vasco desde a esquerda" aseveraron @s soberanistas na presentación do acto que se desenvolverá en Barakaldo, para mudar as actuais políticas neoliberais "que non teñen ningunha saída". Asemade, a candidata a lehendakari asegurou que o obxectivo da coalición é "romper as ataduras con quen gobernan baixo o ditado dos mercados e as finanzas", nun proxecto que vai alén do 21-O. 

Comentarios