42 números de Sermos Galiza na rúa

A comparecencia parlamentar de Núñez Feijóo para explicar a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado ocupa o tema da semana no número 42 do Sermos Galiza

Alberto Núñez Feijóo daba explicacións esta cuarta feira no Parlamento con motivo das fotografías publicadas en que aparece co narcotraficante arousán Marcial Dorado. Nas primeiras páxinas do número 42 analizamos a intevención do presidente da Xunta, acorralado polas forzas da oposición que souberon pór de manifesto as contadicións no discurso do líder popular. Mais tamén, botamos a ollada sobre esoutra fotografía que foi tamén protagonista da comparecencia. A das vítimas do narcotráfico. Con Carme Durán, ex-presidenta da asociación Esperta Cambados, falamos sobre as impresións que tiran desde a loita contra a droga das declaracións de Núñez Feijóo e da súa relación co narco arousán. 

Unha relación que segue a dar que falar. Tamén ao presidente. Núñez Feijóo que revelaba esta quinta feira en comparecencia de imprensa que o seu goberno concedeu 5.000 euros en concepto de servizos prestados ás empresas de Dorado. Mais... U-lo diñeiro durante a era Fraga?

Nas páxinas de economía abordamos o concurso de acredores convocado por Pescanova. Unha manobra da transnacional para evitar ser engulida polos grandes grupos do sector. Xunto a ela, falamos da auditora que avalou a fraude das preferentes. Os erros cometidos por KGM non puxeron fin á súa relación coa Xunta de Galiza, administración para a que segue a traballar en distintos procesos. 

Na sección de traballo botamos a ollada sob as tacticas empregadas polas empresas para se aproveitaren das facilidades no despedimento que foron outorgadas desde o goberno español a través da aprobación de dúas reformas laborais. Tamén asi, conversamos con Xulio Vicente portavoz da Plataforma de Afectad@s polo calote das preferentes no Baixo Miño. Vicente é tallante "a arbitraxe foi unha medida electoral" empregada polo Partido Popular para calmar os ánimos antes das eleccións á Xunta. 

Nas páxinas de social chamámoslle ás cousas polo seu nome. 16 mulleres asasinadas (que non mortas) polo terrorismo en Galiza no que vai de ano. Neste número analizamos dúas cuestións fundamentais que afectan a aquelas mulleres que deciden dar o paso para rachar coa violencia machista: os puntos de encontro e o salario da liberdade. 

Mais non só iso. Proxectos mineiros que deixan unha Galiza a ceo aberto, o liderado de Javier Gómez Noya no mundial de triatlón, a crise no sector editorial galego agravada polo desleixo da Xunta ou a nova publicación de Magin Blanco enchen as páxinas do novo número de Sermos Galiza

Esta sexta, coma sempre, nos quiosques e librarías do país. 

Comentarios