En liberdade con cargos 'Nahuel', o mozo independentista detido en Compostela

P.M. prestou declaración por volta das 19h desta cuarta feira e impútanlle un delito de desordes en relación cos incidentes acontecidos nas rúas da capital galega en xaneiro, após unha manifestación en solidariedade con Hadriam Mosqueira, 'Senlheiro'

photo_camera Á porta dos xulgados, 'Nahuel' agradeceu as mostras de solidariedade acontecidas durante todo o día. [Imaxe: Amaía]


O veciño de Compostela e militante independentista P.M., 'Nahuel', ficou en liberdade con cargos após pasar a disposición xudicial e prestar declaración nos xulgados de Fontiñas.

Axentes da policía española prendíano ao mediodía desta cuarta feira namentres camiñaba pola rúa, para o conduciren primeiro á comisaría e despois ao seu domicilio, no casco vello da cidade. Ducias de persoas concentráronse diante da casa namentres a policía procedía ao seu rexistro.

Durante o protesto, convocado en solidariedade co mozo, producíronse até tres cargas policiais dos antidisturbios, que dispararon salvas ao aire diante do colexio López Ferreiro, situado nas inmediacións do piso de 'Nahuel', coincidindo coa hora de saída das crianzas.

Varias persoas sufriron contusións e houbo un detido, que fica xa en liberdade e sobre el pesarían cargos por desordes e resistencia á autoridade, após pasar a tarde na escuadra policial (comisaría) de Compostela porque, segundo a policía, intentou agredir un axente. 

Polos incidentes acontecidos após unha manifestación por 'Senlheiro'

Segundo confirman fontes próximas ao activista, o seu arresto estivo relacionado cos incidentes acontecidos nas rúas da capital galega o 9 de xaneiro, unha vez disolta a concentración que o colectivo antirrepresivo Ceivar convocara en solidariedade co preso independentista Hadriam Mosqueira, 'Senlheiro', e que se saldaron coa queima de varios colectores do lixo. A 'Nahuel' impútanlle un delito de desordes.

'Senlheiro' fica en prisión preventiva sen ser xulgado e submetido á dispersión en aplicación da lexislación antiterrorista desde o día do seu arresto, o 8 de xaneiro, cando paseaba polo monte dos Batáns, a 500 metros da súa casa, no lugar de Quistiláns (Ames). No interior dunha casa en ruínas a policía incautouse de dous termos metálicos con material explosivo.

Comentarios