O PP borra a política ambiental da Xunta

O PP investirá no 2013 un 62% menos en actuacións ambientais que en 2009. Adega denuncia que a Xunta non dedicará nin un só euro á loita contra o cambio climático, nin a erradicar especies invasoras nin ás Axendas 21 Loiais ou á educación ambiental.
Limpeza dos ríos galegos. Proxecto Ríos. Adega
photo_camera Limpeza dos ríos galegos. Proxecto Ríos. Adega

Adega vén de facer público unha denuncia diante do abandono da Xunta en materia medioambiental, entre outras cousas, pola diminución dun 62% a respecto de 2009 nos orzamentos dos cartos que se dedican ás actuacións destinadas á conservación do medio ambiente. A asociación ecoloxista engade a estes datos o feito de ter a Xunta eliminado as axudas ás entidades ambientalistas ou mesmo levar meses sen convocar organismos consultivos como o consello Galego de Meido Ambiente ou o Observatorio Galego da Biodiversidade na que as entidades teñen representación.

Eliminación da política ambiental

A eliminación da política ambiental da Xunta non só se fai evidente nos investimentos senón tamén nas transferencia e así Adega fai notar que as axudas directas a Parques Naturais recollen 23.333€ cun descenso evidente dos 360.000 de 2009. “O panorama dos Parques Naturais galegos para o 2013 é catastrófico, comprometéndose gravemente a súa viabilidade e o seu papel como santuarios da nosa biodiversidade máis fráxil: só falla que os privaticen coa excusa do seus escasos beneficios”, apunta Adega.

Os cartos para melloras ambientais da administración local destinaranse, segundo o proxecto de orzamentos, no 2013 só á redacción dos PXOM, partida que no 2009 viñan de Política Territorial e non do departamento de Medio Ambiente. Para as canceiras de todo o país, a Xunta destinará 20.000€, cantidade que Adega considera “ridícula” e que supón un 95% de redución con respecto ao 2009. Desaparece tamén o investimento en educación ambiental e en axuda para as entidades ecoloxistas.

Adega valora que a desaparición da política medioambientalista da Xunta non queda á vista só nos orzamentos previstos para o 2013 senón tamén na propia actuación en organismos como o Consello Galego de Medio Ambiente que leva un ano sen convocar cando ten que reunirse cada seis meses ou o Observatorio Galego da Biodiversidade que ten que xuntarse cada ano e leva sen facelo desde o 22 de decembro do 2010, o que vén de denunciar por segunda vez diante do Valedor do Pobo.

Comentarios