O PP deixa a porta aberta para recuperar o plus de altos cargos

Mália estar en suspensión temporal, o PP mantén o plus de altos cargos no anteproxecto de Lei de Emprego Público que vén de presentar o que permitiría que se recuperara en calquera momento. 

San Caetano, Xunta da Galiza
photo_camera San Caetano, Xunta da Galiza

A Confederación Intersindical Galega (CIG) demanda que o plus de altos cargos desapareza de vez da lexislación para que non se recupere no futuro, o que pode suceder segundo o texto lexislativo elaborado polo PP. 

A CIG denuncia que o anteproxecto evidencia a perocupación do PP pola carreira profesional do persoal directivo, “que se elixe a dedo entre persoas de confianza” e que se beneficiará de “complementos retributivos pouco claros”. Para a central sindical, a suspensión temporal non abonda xa que o feito de o PP mantelo na lexislación evidencia a vontade de recuperalo no futuro. 

En decembro de 2009 se apresentara unha Iniciativa Lexislativa Popular para a eliminación do plus de altos cargos que contou coa oposición dos votos do PP e máis do PSOE. 

A CIG está a estudar polo miúdo o Anteproxecto de Lei de Emprego Público mais temem que signifique unha merma de dereitos para as persoas empregadas nas administracións en canto favorecemento da mobilidade xeográfica, amortizacións e redución de persoal e servizos públicos. 

O Anteproxecto de Lei de Emprego Público foi elaborado por un grupo de traballo de Función Pública sen contar coa participación coa representación de traballadores e traballadoras,o que provocou o primeiro malestar nas centrais sindicais que coñeceron a súa existencia a través dos medios de comunicación.  O Anteproxecto uniformaría todas as administracións, a excepción de xustiza, incluído o persoal docente e do SERGAS. Quedaría fóra o persoal de entes e consorcios, precisamente onde a arbitrariedade é maior. Impediría, de igual maneira, que os Concellos tomen decisións propias en materia de persoal. 

Comentarios