Pontevedra ponse poética

Durante tres días, do 19 ao 21, Pontevedra ponse poética e recibe a máis dunha dúcia de creadores que ofrecen ao público a súa poesía. Con varios encontros diarios, o Pontepoética consolídase na súa terceira edición. 

Yolanda Castaño
photo_camera Yolanda Castaño

Claudio Rodríguez Fer, Marta Dacosta, Roger Wolfe, María do Cebreiro, Lino Braxe, Claudio Pozzani, Rosa Alice Blanco ou Biel Mesquita son algúns dos nomes que presentarán ao público as súas obras no programa de Pontepoética, o festival de poesía que se desenvolverá en Pontevedra do 19 ao 21 de abril. 

Promovido pola Concellaría de Cultura de Pontevedra, organizado polo Ateneo e dirixido por Yolanda Castaño, Pontepoética quere achegar ao público as novas tendencias de creación poética, achegando á diversidade de rexistros e con convites a destacados nomes doutras linguas, con especial atención ás literaturas peninsulares. “Trátase dun dos poucos festivais de poesía e conta mostrar a diversidade da creación poética. Temos sempre unha presenza importante de mulleres, variedade xeracional e de rexistros creativos e tamén de linguas. Hai representantes de todas as literaturas peninsulares e contamos tamén con convidados doutros países, neste caso de Italia” explica Yolanda Castaño. 

Poesía en aberto

“Con carácter aberto e gratuito, o Pontepoética quere achegar a poesía ao público, mostrar a súa boa saúde e a súa conciencia crítica, alén de ofrecer un discurso distinto ao dominante” engade a directora do festival. 

O programa comezará o propio venres cun encontro co alumnado dos centros de ensino secundario de pontevedra para, xa á tarde, inaugurar os espectáculos públicos cun recital no Teatro Principal lás 18.30 con Claudio Rodríguez Fer, Marta Dacosta e Roger Wolfe, un creador que o festival recupera polo carácter subversivo do seu discurso. A seguir, por volta das 20:00, Raquel Lanseros, Lino Graxe e Rosa Alice Branco ofrecerán os seus versos ao auditorio do Teatro Principal. A xornada rematará levando a poesía a un local nocturno por medio da performance poético musical, “A marcha da sombra” do italiano Claudio Pozzani. 

Para o sábado o festival ofrece un recital ás 18.30 con María do Cebreiro, Biel Mesquida e Claudio Pozani para pechar cun encontro ás 20:00 no Principal co conxunto de poetas participantes. Para o domingo, a Fundación Cuña-Casasbellas acollerá aínda o obradoiro poético de Kirmen Uribe. 

O Pontepoética é un dos tres programas estábeis que coordina a poeta Yolanda Castaño que dirixe asimesmo o ciclo mensual Poetas Di(n)nversos da Coruña e o obradoiro de tradución poética que este ano desenvolverá en outono a súa segunda edición

Comentarios