Unha manifestación reclama botar a corrupción fóra de Compostela

Arredor de cen persoas percorreron as rúas de Compostela até a Praza do Obradoiro para reclamar unha Compostela sen corrupción. No comunicado final reclamaron a disolución da corporación xa que, ao seu ver, non val xa ningunha outra posibilidade.
Manifestación Compostela
photo_camera Manifestación Compostela

A demisión do alcalde Ángel Currás, imputado no caso Pokemon, significaría que en ano e medio o goberno municipal de Santiago de Compostela estaría presidido por tres alcaldes distintos, unha vez o cabeza de lista nas municipais Conde Roa se vira tamén na obriga de dimitir polas acusacións xudiciais. Arredor de cen persoas que participan na plataforma cidadá Compostela Transparente creada para demandar transparencia e eliminar a corrupción do goberno municipal manifestaron este domingo a súa oposición a calquera outra medida que non for a disolución da corporación municipal.

María Díaz, encargada de ler o manifesto final na Praza do Obradoiro, diante do Pazo de Raxoi, sede do Concello, sinalou a vontade de “seguir presionando até que a corporación se disolva e se convoquen eleccións. Dada a situación mesmo sería máis razoábel que estivera presidido por unha comisión xestora”. A manifestación convocouse despois de terse celebrado unha serie de asambleas previas desde que se coñeceu a imputación do alcalde.

“É necesario a creación doutro modelo de organización do concello, baseado na autoorganización das persoas e na recuperación dos servizos públicos. Unha cidade democrática e plural onde caiban todas as expresións políticas e culturais, onde o pensamento non estea privatizado” defenden desde a plataforma cidadá que reclama transparencia e eliminar a corrupción do goberno municipal.

As persoas participantes chamaron a atención sobre o forte control policial despregado arredor da marcha. Once furgonas policiais seguiron o percorrido, sete delas na propia Praza do Obradoiro na que se congregaron máis de corenta policías especiais aos que se lle sumaron membros da Policía Municipal e da Policía Nacional, segundo comentaron.

Comentarios