49 persoas faleceron por afogamento non intencional no Estado en xullo, unha terza parte das 140 mortes rexistradas nos primeiros sete meses do ano por esta causa, segundo informou a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo.
Catalunya, con dez casos; Andalucía, con sete; e Illes Balears, con seis, acumulan case a metade dos afogamentos do mes pasado. Os territorios de Asturies, Aragón, Cantabria, Nafarroa, Ceuta e Melilla foron os únicos que non rexistraron decesos nese período.
No conxunto do ano, Andalucía ostenta o maior número de falecementos, até 27 persoas, mentres que País Valencià e Catalunya suman 24 casos, seguidos de Canarias con 14 e Illes Balears con 10. Na Galiza, dúas persoas perderon a vida en xullo, nove no que vai de 2021.
Desde 2015, cando comeza a rexistrarse a serie histórica no Informe de Afogamentos estatal, estes sete meses de 2021 supoñen a cifra máis baixa de mortes, salienta a Federación de Salvamento e Socorrismo.
Perfil maioritario
No documento subliñan que o perfil maioritario das persoas falecidas no Estado por afogamento non intencional no que vai de 2021, é o dun home -o 80% dos mortos nestas circunstancias- de máis de 65 anos ou de entre 18 e 25 anos, idades ás que corresponden o 40,8% e o 14,3% dos óbitos respectivamente.
Producíronse nas praias até o 54% destes casos, alí perderon a vida 75 persoas neste ano. As horas con peores rexistros son as que van das 12 da mañá ás 4 da tarde, onde se agrupan o 34,7% das situacións mortais.
As piscinas son outro dos lugares onde, sobre todo en xullo, aumentaron os falecementos, 13 nese mes e 23 ao longo do ano.
Un dos datos que destaca o informe é que o 94% dos decesos se deron en espazos acuáticos sen servizo de socorrismo. No que atinxe á nacionalidade das vítimas, un 39% procedían do Estado español, 10% dalgún país europeo, un 5,7% de África e un 5% do continente americano. No 40% dos casos non se precisa.