Rajoy e Gallardón reuníronse co Borbón para “salvar” á Infanta da acción da Xustiza

O presidente do Goberno español e o ministro do ramo mantiveron unha xuntanza no pazo da Zarzuela para buscar fórmulas de protección xudicial para a filla do Xefe de Estado -imputada agora polo Caso Nóos- e falaron da posibilidade de indultar o seu marido, Iñaki Urdangarín, se este é condenado, segundo publica o diario El Mundo.

photo_camera O Rei, Cristina e Urdangarín.

As máis altas autoridades do Estado buscando fórmulas para salvar a unha delas da acción da Xustiza. O enésimo escándalo da crise total do modelo de 1978. Unha patada á separación de poderes, alicerce da democracia. Juan Carlos I, Mariano Rajoy e Alberto Ruiz-Gallardón mantiveron unha xuntanza en febreiro de 2012 para preparar unha operación en defensa da filla do Borbón reinante, agora imputada polo Caso Nóos, que ten como protagonista central ao seu marido, Iñaki Urdangarín, e que inclúe posíbel malversación de cartos públicos e delitos fiscais.

Segundo publica o diario madrileño El Mundo, os tres mandatarios opinaban que o caso instruído polo xuíz Castro “podía írsenos das mans” e decidiron actuar. Desde ese momento, a Fiscalía, Facenda e a Avogacía pública iniciaron unha campaña para defender á Infanta Cristina, poñendo todo tipo de atrancos ao xuíz malia a existencia de variados indicios sobre o seu enriquecemento e participación nos feitos investigados. O obxectivo -polo de agora fracasado, aínda que algúns resultados acadaron, por exemplo no escenario mediático- é o de defender á monarquía española como base do sistema, poñendo ao seu servizo a poderosa maquinaria estatal, en contra da máis elemental igualdade ante a Lei.

Dende esa reunión en febreiro de 2012, a Fiscalía, Facenda e a Avogacía Pública saíron en defensa da Infanta a pesar dos indicios en contra

A escasas datas de que o Caso entre na súa recta final, que podería volver sentar á Infanta no banco, coñécese a implicación directa do Goberno na defensa de Cristina de Borbón, que así mesmo está pensada para o seu marido. Segundo publican, Rajoy, Gallardón e o Rei tamén falaron da posibilidade de indultar a Urdangarín unha vez sexa condenado -como é previsíbel- se ben os dirixentes do PP advertiron de que terían que medir os tempos para esta acción “en vista do desgaste que lle pode ocasionar ao Goberno”.

Juan Carlos I está estes días de novo por terras de Oriente Medio acompañado do alto empresariado español, para favorecelo n os seus negocios, nalgúns casos con estados ditatoriais.

Máis en Mundo
Comentarios