Artur Mas:''Non descarto a declaración unilateral de independencia''

O president deixa claro que ''a marcha atrás non é unha opción'', en referencia ao dereito a decidir. De se impedir polo Estado español poder consultar á cidadanía, o mandatario catalán di que non se pode descartar a DUI: Declaración unilateral de independencia, malia que “non é o noso marco ideal”.

Artur Mas
photo_camera Artur Mas

Artur Mas, president da Generalitat de Catalunya, non descarta a declaración unilateral de independencia se desde o Estado español se impide que a cidadanía catalá exerza o seu 'dereito a decidir'. Non é a DUI (Declaración Unilateral de Independencia) “o noso marco ideal”, recoñece Mas, “nin o mellor, nin o que queremos”, mais non descartan facelo. E esa declaración prodúcese no día en que Crimea vota en referendo sobre o seu 'status' nacional.

Recoñeceuno o presidente catalán durante a súa participación nun dos encontros de El Periódico (os políticos reúnense e sométense ás preguntas de 10 cidadáns). Aclarou que a DUI sería a última opción. Mais que o que non se pode de ningunha forma é “dar marcha atrás” no proceso impulsado pola cidadanía de Catalunya polo seu dereito a decidir. Por dicilo nas súas propias palabras: “A marcha atrás non é unha opción”.

"Para a convivencia, ir votar non é perigoso, non poder votar si o é”

“Este proceso non está a rachar a convivencia en Catalunya”

Artur Mas negou que o proceso soberanista estea a rachar a convivencia en Catalunya. “O que si poría en perigo a convivencia é que o pobo catalán chegue á conclusión de que non se lle deixa votar para decidir o seu futuro, porque iso é o mesmo que negar a súa existencia. Para a convivencia, ir votar non é perigoso, non poder votar si o é”.

Mas apuntou a que a vía ideal sería un pacto con Madrid (como o de Escocia e Londres) para poder realizar a consulta. Mais indicou que “dous non dialogan se un non quer, e nestes momentos non hai dous porque un non quer”. Se non hai acordo co goberno español para ese referendo do 9 de novembro, Mas detalla a folla de ruta: crear unha lexislación catalá de consultas populares que dea cobertura a ese referendo.

Hai moita xente que vive a independencia "como un tema patriótico, identitario, cultural, histórico...mais o tema de se Catalunya ten estado é basicamente dispoñer de instrumentos ou non telos”

Se aínda así desde o Estado español se empregan e adoptan medidas para impedir esa vía, “haberá que ver se usamos o marco legal das eleccións, que poderían ser anticipadas ou non” E despois? “Non podemos descartar a declaración unilateral de independencia”.

Simple cuestión identitaria?

A preguntas dos cidadáns, Artur Mas sinalou que coa independencia “estamos a falar basicamente de instrumentos, non de esencias identitarias. Hai moita xente que vive a independencia como un tema patriótico, identitario, cultural, lingüístico, histórico...mais o tema de se Catalunya ten estado é basicamente dispoñer de instrumentos ou non telos”.

Máis en Països Catalans
Comentarios