Durán i Lleida medita demitir como nº2 de CiU

Marcharía da secretaría xeral de Unió tras a coroación de Felipe VI e sopesa presentar candidatura nunhas adiantadas eleccións catalás. 

Durán i Lleida diante a imprensa

Josep Antoni Durán i Lleida quer deixar a secretaría xeral de Unió e mesmo avalía concorrer como candidato nunhas adiantadas eleccións cataláns con arrecendo plebiscitario. Decisións que, sinalan medios de Catalunya, supón de facto poñer na picota a federación con Convergencia, o socio maioritario de CiU. Durán deixaría a secretaría xeral de UDC após a coroación de Felipe VI, así como a comisión de Asuntos Internacionais, mais non quer desprenderse da portavocía de CiU no Congreso.

A decisión de CiU de se abster na LO que regula a sucesión monárquica semella que foi a pinga que rebordou o vaso da incomodidade do político de Alcampell con CiU. Claramente disconforme co proceso soberanista, Durán avoga por unha ‘terceira vía’ que poña fin ao camiño cara a independencia catalá.

Mais agora nos medios cataláns a pregunta que se fan é que acontecerá con CiU, se a federación de CDC e UDC seguirá unida. Que Durán i Lleida sopese se presentar como candidato a uns comicios cataláns conleva a interrogante de se ese paso darao co apoio de Unió. De ser así, CiU estaría finiquitada politicamente.

A outra pregunta que sobrevoa é se esta decisión de Durán forma parte dos movementos e manobras conducentes a ‘resolver’ a cuestión catalá mediante un acordo por arriba que furte o referendo do 9 de novembro.

Desde o goberno catalá optaron nestas horas por mandar unha mensaxe de tranquilidade e normalidade perante as novas ao redor dos eu número 2. 

Máis en Països Catalans
Comentarios