A Lei de Símbolos prohibe que se penduren lazos coa "senyera", como os que desde hai meses se poden ver acotío en moitos centros educativos das Illas en defensa do ensino en catalán, ameazado polas políticas españolistas do Executivo de Bauzá.
O novo texto legal só recibiu os votos do PP e prevé sancións económicas de até os 10.000 euros. Ten en contra ao conxunto da comunidade educativa. Destarte, o sindicato maioritario no ensino, o STEI, xa ten anunciado que vai apresentar alegacións a un decreto que clasifica como despróposito e, aliás, ten anunciado que vai manter vivo "o símbolo do lazo coas catro barras". A súa intención declarada é a de pendurar lazos coa senyera nos atos oficiais, conmemorativos ou festivos nos que participe.
Eventual inconstitucionalidade
Segundo informa Vilaweb.Com, o STEI lembra que o lazo coa senyera simboliza a defensa da lingua e a cultura catalás, unha responsabilidade que, salientan, o Estatuto de Autonomía "outorga ao Goberno".
Até o Consello Consultivo alertou, durante o proceso de elaboración da Lei de Símbolos, a respeito da eventual inconstitucionalidade deste texto legal.
A Lei de Símbolos prohibe que se pendure calquer símbolo que non sexa oficial e, destarte, coloca fóra da legalidade os lazos coas catro barras que as escolas das Illas teñen usado estes meses para denunciar as política anticatalanistas do Govern balear. A Lei dispón multas de até 5.000 euros para as equipas directivas dos centros que non despenduren estes símbolos e até de 10.000 euros para quen os coloque. E dá un prazo dun ano, na súa disposición transitoria, para retirar os que neste momento se achen pendurados.