Unha trintena de xuíces e maxistrados cataláns asinaron un manifesto en favor do dereito a decidir de Catalunya, informa Vilaweb. Para estes xuristas non pode dubidarse de que Catalunya é unha nación e, xa que logo, ten dereito a decidir a súa relación co Estado español.
Segundo a súa interpretación, o dereito a decidir ten mesmo acubillo dentro da Constitución española se esta se interpretar de acordo “coa lexislación internacional e desde unha perspectiva dinámica e viva, non sacramental”.
No manifesto que asinan, lembran que as e os cataláns decidiron polo menos en tres ocasións recentes a relación co Estado español. A última, apuntan, foi a do estatuto de 2006, mais a sentenza do Tribunal Constitucional -que amputou partes substantivas do Estatut, embora este ter sido xa refrendado pola inmensa maioría do pobo catalán- levou ao escenario actual.