DOUS MESES PARA NOVAS TENTATIVAS

Falida investidura de Sánchez, comeza a conta atrás para novas eleccións

Sánchez é o primeiro candidato desde 1978 que non consegue ser investido en ningunha das dúas primeiras votacións. Todas as forzas políticas tomaron a palabra agás En Comú Podem e En Marea. 

Pedro Sánchez
photo_camera Pedro Sánchez [Imaxe Congreso]

Remata sen investidura a primeira rolda de votacións para o candidato do PSOE, Pedro Sánchez, que non recompilou os apoios necesarios para ser investido presidente do goberno español. Con 219 votos en contra e 131 a favor iníciase a conta atrás para unha nova convocatoria electora. De acordo cos prazos fixados pola Constitución de 1978 restan 2 meses para que se produzan novas votacións. Neste senso, cómpre agora ao xefe do Estado, Felipe de Borbón, propor novos nomes. Desde a Casa Real anunciaron que se reunirá con Patxi López na segunda feira. 

Felipe de Borbón reunirase co presidente do Congreso, Patxi López, na segunda feira

Nunha sesión bronca, cargada de barullo e tira-puxas entre distintos parlamentares e o presidente da Cámara, Patxi López, as posicións das distintas forzas políticas mantívose moi próxima á da primeira sesión de investidura, hai apenas 48 horas. Unicamente as portavocías de DiLL e PNV amosaron a súa disposición de apoiar a Sánchez. Ora ben, en contra da vontade do PSOE --que rexeita ser investido co apoio das forzas independentistas-- e sempre que o grupo socialista apoie un referendo de autodeterminación en Catalunya e "falar de autogoberno", en verbas do voceiro jeltzale. 

En troca, PP, Podemos, IU, Compromís, ERC e Bildu mantiveron o seu rexeitamento á investidura de Sánchez e instaron a que este inicie as negociacións con eles mais, virando as costas ao pacto que asinou con Ciudadanos. As persoas eleitas por En Marea non puideron tomar a palabra nesta segunda sesión pois unicamente o portavoz do grupo de Podemos, Pablo Iglesias, interveu na quenda de 5 minutos coa que contaban todas as forzas políticas, agás as do Grupo Mixto que tiveron tres. 

En Marea non tomou a palabra nesta sesión

Á súa saída do hemiciclo Pedro Sanchez acusou directamente a Podemos de ter "traicionado os seus votantes" e de "ser o responsábel último de que Rajoy continúe a ser presidente", iso si, en funcións. O líder do PSOE 

"O seu goberno non pode investirse sen Podemos ou sen o PP. Así é a aritmética, que lle imos facer?", dixo o líder do PP, Mariano Rajoy que con retranca acusou Sánchez de pór "as institucións ao servizo da súa supervivencia". "A súa festa chegou ao final", sentenciou. 

De igual maneira o líder de Podemos, Pablo Iglesias, rexeitou darlle o apoio a Pedro Sánchez mais, dixo, "volvo tenderlle a man, hoxe sabe o que imos votar, a partir desta noite podemos pornos a traballar para que haxa un goberno á valenciá". 

Sexa como for, o voceiro de ERC, Gabriel Rufián sintetizou ben o que dará de si o novo período que se abre a parti de agora. Apelando á "crise de convivencia" que, din, atinxe Catalunya. "Para crise de convivencia a que terá no partido a partir de hoxe". 
 

Comentarios