A Consellaría de Educación publicou o 10 de xuño a Orde que regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa Educación Primaria. Unha publicación que chega a menos de 2 semanas de finalizar o curso e cando centros e profesorado xa teñen iniciado e cumprimentado o procedemento burocrático que supón a avaliación. Para a CIG-Ensino esta medida non pode cualificarse se non é de “desprezo e desconsideración” para co profesorado. “Despois de dous cursos de aplicación da Lomce en primaria, ten a ousadía, a só doce días de rematar o curso, de obrigar os centros a revisar e a mudar todo o traballo xa realizado. A Consellaría de Educación trata os seus traballadores e traballadoras como escravos obedientes, despreza o seu traballo e bótao ao lixo”.
Ademais, manifesta a central, o profesorado levaba dous a exixir unha orde que concretase a avaliación en base á normativa en vigor. Da lectura da orde dedúcese que “Educación persiste na súa obstinación en impor as reválidas de 3º e 6º de Primaria e faino mediante subterfuxios como recoller nesta orde explicitamente que a proba xeral de 3º e de 6º forma parte dos documentos da avaliación, algo que xa viñamos denunciando”.