A Consellaría de Sanidade afirma que este verán, nos hospitais galegos, se fechan ao redor do 15% ou 20 % das camas, o que supón aproximadamente unhas mil. Porén, segundo datos da CIG, o número de camas fechadas ascende a 1.200. Este feche vén dado pola falta de persoal, que se atopa en período de vacacións durante os meses estivais. Nun contexto en que se fechan camas e en que o número de traballadoras e traballadores é insuficiente, as listas de agarda, que xa non eran especialmente curtas, alónganse. Como consecuencia, hai un grave atraso no acceso aos servizos sanitarios. A situación empeora debido á existencia de camas bloqueadas nas que non se pode ingresar e que non se están cuantificando, explícanos María Xosé Abuin, secretaria nacional de CIG-Saúde.
Este contexto obriga a reducir o número de intervencións cirúrxicas, así como o número de hospitalizacións, o que leva a ampliar os tempos de agarda que, como explica Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública, “xa son moi pouco aplicábeis”.
Os problemas non se quedan en quirófanos e camas, senón que xorden tamén en Atención Primaria, onde, como consecuencia da falta de facultativos, féchanse as axendas e comeza a haber listas de agarda. E é que non se substitúe o persoal de vacacións. “É unha aberración que a atención primaria teña espera, xa que é unha atención inmediata e, polo tanto, diminúese a calidade”, sinala Manuel Martín en declaracións a Sermos Galiza.
[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 256, á venda na loxa e nos quiosques habituais]