De cara aos primeiros paseos desta fin de semana en Lugo, ademais de habilitar espazos de xogo para a rapazada, o responsábel de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, pediu á veciñanza que percorra a muralla en sentido anti-horario. "Co cumprimetno desta recomendación aumentarase a seguridade, ao evitarse os cruces entre camiñantes", explicou Arroxo aos medios de comunicación.
Areais abertos en Vigo ou na Coruña
Deste este sábado as praias do municipio vigués permanecen abertas para que as veciñas que vivan a menos dun quilómetros poidan pasear nestas zonas. "Só pasear, non se poden empregar para estar tumbadas nin para o baño se chegase o bo tempo", salientou o rexedor, o socialista Abel Caballero, en declaracións aos medios.
Tamén na Coruña permanecen abertas as praias para o paseo de veciñanza e cans. A maiores, a alcaldesa do municipio, a tamén socialista Inés Rei, anunciou antes do 2 de maio a habilitación dunha senda peonil de doce quilómetros para facilitar a mobilidade no paseo marítimo da cidade e evitar os amoreamentos.
Foron moitas as coruñesas da área que se achegaron para gozar das primeiras saídas nos areais de Riazor ou do Orzán, e tamén numerosas as surfistas que acudiron atrapar as primeiras ondas despois do confinamento.