A Consellaría de Sanidade apunta a que "os datos seguen sen mellorar" nesta área, o que "indica que o gromo aínda non está controlado", tal e como recolle a orde de medidas publicada a última hora desta sexta feira no DOG para incluír nas restricións da zona a Meaño, Meis e Ribadumia.
En particular, alertan de que "case todos os indicadores de risco da comarca mostran criterios con valores de alto risco", como a incidencia acumulada a tres días, o número de doentes que ingresan en unidades de hospitalización ou a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado".
Meis ten unha taxa acumulada a 14 días de 521,8 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que Meaño e Ribadumia están en 493,2 e 316,7 casos cada unha, respectivamente.
Paralelamente, "a transmisión séguese mantendo", cun índice de reprodución por encima dun e a xente nova como o grupo no que "se recollen as taxas máis altas" de contaxios..
Cee, Dumbría e Muxía
A outra área que se incorpora aos peches perimetrais é a de Cee, Dumbría e Muxía, na Costa da Morte, onde as expertas sanitarias ven tamén indicios de preocupación.
O principal foco nesta área é Muxía, recolle o DOG, cunha taxa acumulada a 14 días de 751,6 casos por cada 100.000 habitantes. En Dumbría, pola súa banda, hai unha taxa de 704 casos por 100.000 habitantes a 14 días e en Cee é de 238,5.