Opinión

21-O, o voto como oportunidade

  Teñen razón quen apuntan que as eleccións non son solución, nin completa nin definitiva, de (case) nada. Certamente. Porén, as mesmas supoñen unha oportunidade decisiva, non para as forzas que se candidatan, senón sobre todo para o pobo que elixe.Os comicios do domingo son unha oportunidade para ti, para min, para nós.

Teñen razón quen apuntan que as eleccións non son solución, nin completa nin definitiva, de (case) nada. Certamente. Porén, as mesmas supoñen unha oportunidade decisiva, non para as forzas que se candidatan, senón sobre todo para o pobo que elixe.

Os comicios do domingo son unha oportunidade para ti, para min, para nós. Para quen nestes anos de saqueo contra a maioría para seguir a cebar a minoría poderosa, pateamos kilómetros e kilómetros de manifestacións, co propósito de evitar que nos arrebatasen o que outras e outros moitos conquistaron por nós; ou para cando menos evitar que nolo arrebatasen sen dar batalla. Para quen consumimos a gorxa até a afonía, convertendo en berros e consignas a raiba que en nós ruxía perante tanta inxustiza insoportábel. Para quen batemos na barra do bar almorzando, no sofá fronte o televisor ou na mesa do traballo, entrementres o saqueo era disfrazado de axustes, ou a crise presentada como catástrofe natural sen responsábeis, nos medios amigos de quen nos saquea. Para quen, coma ti e coma min, exercemos resistencia intelectual activa fronte o abafante totalitarismo do pensamento único, do monodiscurso hexemonizado pola clase dominante, e non tragamos coas consignas antipolíticas que deitan alfombra vermella no chan ao fascismo que vén, que está as portas.

A quen sabemos que de non facermos política por nós e para nós propios e propias, serán eles quen fagan política por nós, e o que é pior, seguirán a facer política en contra nosa

A quen sabemos que de non facermos política por nós e para nós propios e propias, serán eles quen fagan política por nós, e o que é pior, seguirán a facer política en contra nosa. Para quen advertimos que co disfraz da democracia formal engalanaban a plutocracia, a ditadura do capital, dos ricos. Para quen entendemos que esta crise é apenas unha violenta manifestación dun vello conflito, o que enfronta os intereses da minoría explotadora cos da maioría explotada da que facemos parte. Para quen xa comprendimos, ou estamos na vía de comprender, que o que padecemos non é unha pequena paréntese circunstancial; que as renuncias que fagamos corren o risco de ser definitivas; que o repto non é volver ao punto de orixe senón avanzar alén del. Para quen acreditamos no diagnóstico correcto, sen confundir os síntomas coa doenza da que fan parte, acertando a ver o alcance sistémico, estrutural, do problema e intuindo que a resposta ao mesmo debe ser igualmente estrutural, sistémica, de conxunto; xa non hai parche ou reforma que valga, hai que darlle a volta polo forro ao actual réxime. Para quen se nos revolven as tripas ao presenciarmos como as e os nosos vellos --que subsisten a duras penas con pensións de miseria-- teñen que pagar un imposto por falta de saúde en forma de repagamento. Para quen xa sabemos que a consecuencia dos recortes sobre recortes non é nin máis solvencia, nin maiores posibilidades de solución, senón sinxelamente que iremos ficando cada vez con menos mentres outros, poucos, cada vez se apropian de máis; que abaratando o despido tan só fan máis doado mandarnos ao paro; que a menores salarios só crean pobreza non emprego.


Estas eleccións son unha oportunidade para quen concibimos que a política non debe servir para xestionar o estreito e sempre insuficiente marco do “posíbel”, senón ante todo para facer posíbel o necesario

Mais sobre todo, estas eleccións son unha oportunidade para quen concibimos que a política non debe servir para xestionar o estreito e sempre insuficiente marco do “posíbel”, senón ante todo para facer posíbel o necesario.

E hoxe o necesario non é outra cousa que reverter o marcador desta partida na que o capital nos vai gañando, por goleada. Revertelo desde unhas coordenadas transformadoras que nos devolvan ao pobo a nosa capacidade de decisión (soberanía), que permita que todas e todos poidamos vivir con dignidade do noso traballo, evitando que as e os máis febles ou necesitados fiquen atrás e reducindo a vantaxe inmerecida de quen ostenta as mellores posicións. E tamén para facer posíbel o excercicio pleno dos dereitos e liberdades que desde a Revolución francesa (1789) nos deberan ser inalienábeis como parte da humanidade.

Un obxectivo ambicioso que exixe para o acadar de avanzarmos no terreo da realidade concreta. E o primeiro paso é inverter a correción de forzas. Malia que a derrota de Feijóo é indispensábel a alternancia non será suficiente. Temos que conseguir expulsar do Parlamento galego, co noso voto, a quen só representa e sirve aos intereses da minoría.

O 21-O é probábel que non deamos solución completa aos nosos problemas, mais a chave é se coa nosa decisión contribuiremos ou non a estar en mellores e máis avanzadas condicións para os resolver

Cada nova ou novo deputado que defenda os intereses do pobo traballador será unha ou un deputado menos na bancada dos que o saquean, ou dos seus cómplices. Cada nova e novo deputado nacionalista que coloquemos no Pazo do Horréo para exercer por, para e con nós a insubmisión activa aos recortes --que o capital dita desde a Troika e que executa a través das forzas políticas que lle son funcionais-- suporá a posibilidade de mover un pequeno grande treito cara diante a nosa liña de trincheiras. Trincheiras hoxe asentadas no campo da resistencia pero desde as que máis cedo que tarde habemos defender os nosos lexítimos anceios de emancipación. De emancipación colectiva, nacional, e de emancipación social, avanzando cara unha sociedade máis xusta e igualitaria. Cara a Galiza ceive e sen explotación que só a esquerda nacionalista galega, pode axudar a construír.

O 21-O é probábel que non deamos solución completa aos nosos problemas, mais a chave é se coa nosa decisión contribuiremos ou non a estar en mellores e máis avanzadas condicións para os resolver. E nese cometido de pouco serve o artificio da retórica, as escenificacións pomposas, ou o discurso facilón desas forzas que por seren tan perigosas para quen nos golpea son arreo promocionadas e alentadas desde os seus medios, os mesmo que invisibilizaron día si dia tamén todas e cada unha das loitas das que ti e máis eu, das que nós, fixemos parte.

Non creo no voto útil e non o vou pedir. Mais si vou facerte, en conciencia, un apelo-suxerencia a que o teu voto se impoña ao fume que nos asolaga con confusión e ruído, aos espellismos presentados como alternativa, ás componendas electorais que se fan pasar por proxectos revolucionarios.

Non te vou pedir que votes útil, apenas que sumes a túa forza, as túas ganas de cambio, a túa raiba en forma de voto a quen con coherencia e firmeza leva(mos) anos defendendo --con erros e acertos--, desde as rúas e as institucións, os intereses das clases populares e do noso pobo fronte aos lacaios do capital submisos a Madrid a Bruxelas. Ti ben sabes de quen falo.

Comentarios